O BNG das Mariñas celebra a tradicional homenaxe a Antolín Faraldo como inicio do novo curso político

O acto contará coas intervencións da portavoz municipal, Amelia Sánchez, o responsábel comarcal do BNG das Mariñas, Alberte G. Nicolás e a deputada provincial, Soledad Agra.

O BNG das Mariñas celebra a tradicional homenaxe a Antolín Faraldo como inicio do novo curso político

Betanzos, 4 de setembro de 2025. O BNG das Mariñas celebrará este sábado, 6 de setembro, a súa tradicional homenaxe a Antolín Faraldo. Este acto, que dá o pistoletazo de saída ao novo curso político unha vez rematado o verán, comezará ás 20:00 h, sendo conducido por Amelia Sánchez, portavoz municipal do BNG de Betanzos, e contará coas intervencións do responsábel comarcal da formación nacionalista, Alberte G. Nicolás, e a deputada provincial, Soledad Agra, titular da área de Lingua, Igualdade e Dereitos Civís. 

As nacionalistas lembran que “Antolín Faraldo é un persoeiro central na historia de Galiza mais a día de hoxe é descoñecido para moitas galegas”. Para Murguía foi o máis destacado dos precursores do Rexurdimento e o seu pensamento, encadrado na etapa do provincialismo da primeira metade do século XIX, concibía o país como unha realidade política diferenciada mais castigada polo forte movemento centralista que estaba a impor a monarquía borbónica. “Nós, as nacionalistas galegas, bebemos do seu pensamento e o reivindicamos pola súa total vixencia”, sinalaba o responsábel comarcal do BNG das Mariñas, Alberte G. Nicolás. “Se hoxe estamos aquí é por persoas como Antolín Faraldo, que coa súa determinación abriron un camiño de esperanza para conseguir unha sociedade máis xusta da man de máis dereitos para o noso país”, concluíu.

Faraldo, un dos actores principais da Revolución de 1846, foi quen redactou a proclama da constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galiza, da que sería o seu secretario. Fracasada a revolución, vese obrigado ao exilio en Portugal e é condenado en rebeldía por aqueles acontecementos. Un ano despois conseguiría a amnistía e, até o seu pasamento en 1853, pouco se coñece desta derradeira etapa da súa corta mais prolífica vida. 

O BNG das Mariñas celebra a tradicional homenaxe a Antolín Faraldo como inicio do novo curso político