Ana Pontón exemplifica en Bico de Xeado o potencial galego para producir alimentos de calidade pechando ciclos produtivos

Aposta por desenvolver unha estratexia de País para aproveitar a riqueza do rural apoiando a innovación e a transformación de produtos con valor engadido

Ana Pontón exemplifica en Bico de Xeado o potencial galego para producir alimentos de calidade pechando ciclos produtivos

A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladouse a Bergondo para visitar as instalacións de Bico de Xeado, empresa de elaboración de xeados artesanais na que exemplificou “o potencial e a capacidade” que hai en Galiza para “producir alimentos de calidade” e para “pechar ciclos produtivos”.

Logo de agradecer ao presidente da cooperativa e a todo o equipo técnico a acollida, Pontón incidiu na capacidade de Bico de Xeado para crear, a través dun produto de altísima calidade, un xeado que considerou ademais un “elemento case de identidade”, presente non só nas vilas e cidades do País, senón que se está expandindo tamén fóra de Galiza.

E faino, recalcou, pechando todo o ciclo produtivo. “Producen o leite, producen o xeado e tamén se encargan da súa distribución”, salientou para poñer en valor un proxecto que exemplifica a “Galiza de futuro” pola que aposta o BNG e que sinala o camiño a seguir “para poder aproveitar todo o dinamismo que podería haber no rural galego”.

Neste sentido, a líder nacionalista apuntou a necesidade de incrementar o apoio a este tipo de proxectos, capaces de xerar novos produtos de calidade e neste caso, ademais, desde unha base cooperativa, apoio que debería plasmarse tanto dende o punto de vista económico como a través da posta en marcha dunha serie de estratexias que “permitan aproveitar as materias primas do País para xerar produtos que creen valor engadido”.   

Pontón apostou por facer unha aposta clara pola innovación como elemento clave para mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas, para as que reclamou liñas de apoio específicas no ámbito da I+D+i, así como liñas de traballo que permitan mellorar a eficiencia enerxética deste tipo de proxectos.

“Debe haber unha estratexia de País que nos permita aproveitar toda a riqueza que hai no noso medio rural, neste caso no sector da produción láctea, para non só producir leite, senón apostar pola transformación deses produtos, xerando máis valor engadido”, afondou Pontón, quen incidiu na necesidade de que o sector lácteo siga sendo “unha columna vertebral” do País para ter un medio rural “vivo e produtivo”.

Ana Pontón exemplifica en Bico de Xeado o potencial galego para producir alimentos de calidade pechando ciclos produtivos