O BNG de Paderne reclama actuacións urxentes para mellorar a seguridade viaria na estrada DP-0905

Manel Pérez (no centro), acompañado por veciñas, integrantes do BNG de Paderne e o responsábel comarcal do BNG das Mariñas -Alberte G. Nicolás- nunha visita ao cruzamento coa DP-6401 para explicar a proposta do BNG.
Manel Pérez: “Non se pode seguir permitindo que unha vía tan utilizada estea nas condicións actuais, poñendo en risco a seguridade das persoas día tras día”
O BNG de Paderne reclama actuacións urxentes para mellorar a seguridade viaria na estrada DP-0905

Paderne, 2 de xuño de 2025. O BNG de Paderne pedirá que o Pleno reclarme á Deputación da Coruña, titular desta estrada, melloras urxentes na estrada DP-0905, especialmente no tramo que conecta o núcleo de Paderne co núcleo de Areas, pasando pola parroquia de Quintas.

Segundo explica o portavoz nacionalista Manel Pérez, esta vía “presenta graves deficiencias en materia de seguridade viaria”, tanto para os peóns como para as usuarias do transporte escolar. “O tramo carece de beirarrúas ou calquera infraestrutura que permita o tránsito peonil seguro, malia ser utilizado a diario pola veciñanza, incluídas persoas maiores e menores que acceden ás paradas de autobús”, sinalou o portavoz.

Ademais da ausencia de itinerarios peonís, o BNG alerta das velocidades excesivas en varios puntos da estrada, que atravesa núcleos de poboación sen suficientes medidas de calmado de tráfico. Tamén denuncian a perigosidade do cruzamento coa estrada DP-6401, que dá acceso ao núcleo de Loibo, debido á escasa visibilidade.

Por todo isto, o BNG solicita da Deputación medidas enfocadas á aumentar a seguridade nesta vía, como a creación dun itinerario peonil seguro entre Paderne e Areas; a instalación de lombos, bandas sonoras e pasos de peóns nos núcleos atravesados pola estrada provincial e a mellora da seguridade no cruzamento coa DP-6401 mediante reorganización do entronque, mellora da sinalización e posibles modificacións do trazado.

A formación nacionalista insiste en que estas medidas son fundamentais para garantir unha mobilidade segura e sustentábel para a veciñanza de Paderne. “Non se pode seguir permitindo que unha vía tan utilizada estea nas condicións actuais, poñendo en risco a seguridade das persoas día tras día”, conclúe Pérez.

O BNG de Paderne reclama actuacións urxentes para mellorar a seguridade viaria na estrada DP-0905