O BNG pediu incrementar o investimento en saneamento e traída de augas e que se modifique o sistema de subvencións no orzamento de Paderne

Manel Pérez: “O PSOE non fixo esforzo ningún, a pesar dos intentos do BNG, para intentar chegar a un acordo. Enviáronnos a proposta o mesmo día que convocaron o Pleno sen marxe a ningún tipo de mellora nin achega”

O BNG pediu incrementar o investimento en saneamento e traída de augas e que se modifique o sistema de subvencións no orzamento de Paderne

Paderne, 11 maio de 2024.- O BNG explicou a súa abstención no Pleno á proposta de orzamentos do PSOE que non reservan o crédito necesario para cumprir os acordos asinados para o Pleno de organización. “O PSOE non fixo esforzo ningún, a pesar dos intentos do BNG, para intentar chegar a un documento que puidésemos apoiar. Enviáronnos a proposta o mesmo día que convocaron o Pleno sen marxe a ningún tipo de mellora nin achega”, explicou o voceiro do BNG, Manel Pérez. 

“Son os orzamentos do goberno local que non fixo esforzo ningún por chegar a acordos con ninguén, como leva sendo habitual desde que comezou o mandato”, criticou Pérez. “Tendemos de novo a man ao goberno local do PSOE para chegar a acordos polo ben dos veciños e veciñas de Paderne”,  engadiu. 

Fondos para saneamento e traída de augas

“Para o BNG unha das necesidades máis urxentes que ten o noso concello é avanzar no saneamento e depuración e na traída de augas, como se recollía no acordo do pleno de organización. Mais, a proposta de orzamento que o goberno local do PSOE trasladou a Pleno recollía só 121.000 euros en todo o programa de saneamento e 26.100 para traída de augas. Propoñían gastar máis en mantemento de vías públicas”, indicou Manel Pérez. 

Modificación do modelo de subvencións

A proposta de orzamentos do PSOE, propoñía dedicar un total de 6500 euros a subvencións “a dedo”, desas a máis alta correspondía á asociación de cazadores. Mentres nas bases xerais das subvencións en concorrencia non se recollía a opción de que puidesen optar entidades ambientais, de fomento da igualdade ou do uso da lingua. “Pensamos que hai que redeseñar o modelo de subvencións para que sexan xustas para todas as asociacións que traballan no noso concello e que fan un traballo moi importante de xeito completamente desinteresado”, concluíu. 

O BNG pediu incrementar o investimento en saneamento e traída de augas e que se modifique o sistema de subvencións no orzamento de Paderne