O BNG adianta o seu apoio ao orzamento de Paderne despois de engadir o custo para o estudo sobre as necesidades de saneamento e traída de auga
Manel Pérez: “Conseguimos modificar asuntos fundamentais para o BNG como engadir 15 mil euros para un estudo da situación do saneamento e outros 15 mil para o estudo da situación do servizo de subministro de auga municipal, para avanzar no cumprimento do acordo que acadamos co PSOE no pleno de organización”
Paderne, 5 de xuño de 2024.- O BNG anunciou que apoiará no pleno que se celebrará mañá en Paderne a nova proposta de orzamentos do goberno local do PSOE. “Conseguimos modificar asuntos fundamentais para o BNG como engadir 15 mil euros para un estudo da situación do saneamento e outros 15 mil para o estudo da situación do servizo de subministro de auga municipal, para avanzar no cumprimento do acordo que acadamos co PSOE no pleno de organización”, explicou o portavoz do BNG, Manel Pérez. “Estes estudos permitirán establecer unha cronoloxía das melloras necesarias nestes servizos, que para o BNG son unha prioridade nun concello coma o noso, para poder esixir á Xunta unha depuradora e avanzar no control dos verquidos”, engadiu.
Desde o BNG explicaron que para avanzar na transparencia tamén conseguiron que se reservase unha partida de 15 mil euros para unha nova web municipal, actualmente non se está actualizando e segundo manifestou o goberno é necesario encargar o deseño dunha nova. “Para nos avanzar na transparencia e participación da veciñanza e superar as prácticas clientelistas que se viñan repetindo no noso concello”, indicou o portavoz do BNG.
Cambios nas subvencións
Desde o BNG anunciaron tamén que conseguiron reducir en 2500 euros a cantidade que se reservará a subvencións nominativas e que esta cantidade pase a adxudicarse por concorrencia. “Outra das propostas do BNG foi modificar as bases xerais de subvencións para que as entidades ambientais ou as que traballan en eidos como a igualdade ou a normalización lingüística e que teñan actividade no noso concello poidan optar a elas”, informou Manel Pérez.
“Estamos satisfeitos de ter chegado a un acordo en temas que no BNG consideramos prioritarios, máis non entendemos porque o goberno local do PSOE, non intentou ter en conta as nosas propostas antes de levar o orzamento a Pleno a primeira vez. Se tivese intención de falar e chegar a acordos podía ter xa a día de hoxe un orzamento aprobado”, concluíu.