O BNG demanda mellorar a seguranza viaria no cruzamento de Chantada en Paderne
Néstor Rego urxe o Ministerio a desbloquear as actuacións previstas e eliminar a elevada sinistralidade neste punto
Require coñecer o estado de tramitación na actualidade das actuacións de mellora e cales son os prazos de execución, así como o motivo do retraso das obras
Paderne, 6 de maio de 2025. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas despois de que pasasen seis meses do anuncio do Ministerio de Transportes de levar a cabo actuacións no cruzamento da N-651 en Chantada, no termo municipal de Paderne sen producírense avances. A organización nacionalista require coñecer os prazos de execución previstos para a mellora da seguranza viaria deste cruzamento que permita eliminar a elevada sinistralidade que da estrada neste punto.
A N-651 atravesa varios concellos da Coruña e conta con numerosos puntos conflitivos, varios deles no termo municipal de Paderne. No concreto, o cruzamento coa AC-164, na saída da Ponte do Pedrido, en Souto, é un lugar en que se produce unha elevada sinistralidade e para cuxa mellora “o BNG ten presentado xa distintas iniciativas”. Mais tamén, outro dos puntos de alta perigosidade, é o do cruzamento de Chantada, tamén no concello de Paderne.
“O pasado mes de setembro o Ministerio de Transportes facía pública a adxudicación da execución para mellorar a seguranza viaria neste cruzamento de Chantada porén, máis de seis meses despois, aínda non comezaron as actuacións” sinala o deputado do BNG no Congreso. Ante esta situación, Néstor Rego require coñecer en que estado se encontran na actualidade as actuacións de mellora anunciadas e cales son os prazos de execución desta obra, así como os motivos que están a bloquear e retrasar estas actuacións.
O propio Ministerio, salienta o deputado nacionalista, recoñeceu a urxencia desta actuación polo que a organización nacionalista reclama levar a cabo, na maior brevidade posíbel, “todas as actuacións que permitan solucionar a deficiente sinalización e a mellora do acceso, pois súa situación nunha curva pronunciada e ás condicións naturais da zona, fan que se eleve a perigosidade, dado que o asfalto esta húmido habitualmente e que presente xeo no inverno”.