O BNG de Paderne desbloquea os orzamentos de 2025 tras lograr melloras sociais e ambientais
O acordo inclúe axudas ao estudo, a creación de liñas de subvencións para asociacións ou avances en eficiencia enerxética e en saneamento municipal
Paderne, 5 de agosto de 2025. O BNG de Paderne vén de pechar un acordo co goberno municipal para desbloquear a aprobación das contas municipais. As diferentes reunións mantidas co executivo local foron positivas, onde as propostas achegadas polas nacionalistas afondan no gasto social, axudas a asociacións culturais, deportivas e medioambientais e melloras no saneamento e eficiencia enerxética.
Para Manel Pérez, portavoz do BNG, “as modificacións que o BNG logrou na proposta de orzamento supoñen un gran impulso a nivel cualitativo para a veciñanza de Paderne”.
Entre os principais logros acadados polo BNG destacan a posta en marcha de axudas ao estudo para o curso 2025-2026, inexistentes até o momento e que permitirán ás familias solicitar bolsas para transporte, material escolar e comedor. Nunha liña similar, asociacións culturais, deportivas e medioambientais radicadas en Paderne, poderán acceder a subvencións para o desenvolvemento das súas actividades. Isto, ao modo de ver do BNG, supón tanto un impulso como un balón de osíxeno nun contexto de prezos a alza.
No ámbito dos investimentos, o acordo recolle dous proxectos estratéxicos: a creación dunha comunidade enerxética local e a ampliación do saneamento municipal mediante filtros biolóxicos. Tal como explicou o portavoz do BNG, Manel Pérez, “ambos proxectos comezarán cun estudo de viabilidade, mais desde o BNG estamos convencidas de que Paderne reúne as condicións necesarias para a súa implantación”. Pérez engadiu que “a eficiencia do investimento municipal tamén é reducir a factura da luz, tanto para o concello como para a veciñanza, e apostar por sistemas de saneamento igual de eficaces que os convencionais, mais co plus de ser máis económicos, con menor mantemento e menor impacto ambiental”.
Outras condicións para que os orzamentos municipais de 2025 puidesen contar co “si” do BNG foron rematar a renovación da web municipal, impulsar a creación da “Mesa da Ría de Betanzos” -na que estean representados colectivos medio ambientais, confrarías, representantes dos concellos e dos diferentes grupos políticos que integran as corporacións, así como técnicos de medio ambiente. Nesta Mesa faríase un seguimento da calidade da auga da ría, dos vertidos que se producen e as súas consecuencias, e do cronograma acordado pola Xunta para subsanar as deficiencias- e a elaboración dun censo de vivenda baleira como paso previo a un plan de vivenda municipal, co fin de mobilizar dita vivenda, mellorando o acceso a ela e asentar nova poboación no concello.
Finalmente, Manel Pérez advertiu que “o noso apoio a estes orzamentos non é un cheque en branco. Desde o BNG imos facer un seguimento rigoroso do seu cumprimento, porque os acordos están para cumprirse e a nosa prioridade seguirá sendo defender os intereses da veciñanza”.