BNG reclama ao Goberno do Estado melloras urxentes na seguranza viaria da N-651 ao seu paso por Paderne
Néstor Rego exixe a Transportes cumprir o compromiso de redactar o proxecto de remodelación do cruzamento da N-651 coa AC-164, na saída da Ponte do Pedrido
Manuel Pérez, voceiro do BNG en Paderne, demanda restituír o acceso ao núcleo de Gas eliminado co repintado da estrada
O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, anuncia o rexistro de novas iniciativas para demandar ao Goberno do Estado actuacións inmediatas que melloren a seguranza viaria na estrada N-651 ao seu paso polo concello de Paderne, un dos puntos máis perigosos da comarca.
Durante a súa visita ao municipio, Rego reuniuse con representantes locais do BNG encabezados polo portavoz municipal do BNG en Paderne, Manuel Pérez- e con veciños e veciñas da zona para abordar a situación do cruzamento da N-651 coa AC-164, na saída da Ponte do Pedrido, na aldea da Ínsua, un punto negro onde se teñen rexistrado múltiples incidentes se acumulan reclamacións veciñais.
“O Ministerio de Transportes comprometeuse no ano 2023 a redactar un proxecto para mellorar a seguranza viaria neste punto, pero máis dun ano despois non se produciu ningún avance. É inadmisíbel que un compromiso anunciado publicamente quede no caixón mentres continúa o risco para o tráfico e para os peóns” denuncia o deputado nacionalista.
Neste sentido, o deputado do BNG demanda que o Goberno impulse e acelere as melloras comprometidas, garantindo unhas condicións seguras tanto para o tránsito de vehículos como para o paso de peóns. A formación nacionalista propón a construción dunha rotonda no cruzamento, acompañada doutras medidas complementarias como o calmado de tráfico, sinalización luminosa, pasos de peóns seguros e unha mellor iluminación na zona.
“Non falamos só dunha cuestión de comodidade, senón de seguridade. É urxente actuar antes de que haxa que lamentar un accidente grave” advirte Rego. “A veciñanza leva anos reclamando esta mellora e xa non vale escudarse en estudos ou proxectos que nunca chegan. Hai que pasar das palabras aos feitos” reivindica.
Ademais, Manuel Pérez reclama que o Ministerio restitúa o acceso ao núcleo de Gas eliminado co repintado da estrada N-651 ao seu paso pola parroquia de Souto (no punto quilométrico 3+780), o que está a provocar “unha grande incomodidade e un rodeo innecesario” para as persoas residentes.
“Esta modificación, feita sen planificación nin diálogo co concello nin coa veciñanza, é un exemplo máis da falta de sensibilidade do Goberno do Estado coa realidade dos pequenos núcleos de poboación galegos. Esiximos que se repoña o acceso anterior ou se habilite unha alternativa segura e funcional” subliña o portavoz municipal do BNG.
Néstor Rego lembra que o Bloque xa trasladou esta demanda ao Congreso en 2023, tras aprobarse por unanimidade no pleno municipal de Paderne unha moción solicitando a rotonda, mais a resposta do Ministerio limitouse a anunciar a redacción dun proxecto que nunca se iniciou.
“Desde o BNG non imos permitir que o Ministerio continúe a demorar esta actuación. Paderne e as Mariñas merecen estradas seguras, e non promesas incumpridas” conclúe Néstor Rego.