Paderne gaña co acordo de investidura asinado polo BNG
Sergio Platas e José Manuel Pérez, portavoces do PSdeG-PSOE e do BNG de Paderne, logo da celebración das eleccións municipais do 28 de maio de 2023, en aras de garantir un goberno de esquerdas asinan o presente documento no que se recollen os compromisos a levar a cabo no mandato 2023-2027.
1. Compromiso de dar prioridade á rede de abastecemento e depuración de. augas en todos os núcleos do concello, así como a mellora do servizo de captación e traída. Elaborar un estudo das necesidades e deficiencias do servizo de abastecemento, saneamento e depuración de augas, adaptado aos diferentes tipos de núcleos, así como un cronograma con prazos e proxectos concretos para corrixir estas deficiencias. Estudar fórmulas de financiamento para estas actuacións.
2. Compromiso de apoiar a creación da Mesa da Ría de Betanzos, na que estean representados colectivos medio ambientais, confrarías, representantes dos concellos e dos diferentes grupos políticos que integran as corporacións e técnicos de medio ambiente. Promover a colaboración entre todos os concellos da Ría para dar prioridade ao control de vertidos.
3. Compromiso de impulsar unha comunidade enerxética local que pule polas enerxías verdes e abarate os custos na factura da luz á veciñanza de Paderne.
4. Compromiso de mellorar a información e transparencia do concello de Paderne. Democratizar os órganos de expresión do concello facilitando que se recollan as diferentes opinións. Creación dunha comisión mixta para o estudo e mellora da web municipal. Os plenos municipais retransmitiranse a través da web.
5. Habilitar espazos de propiedade municipal para o uso dos diferentes grupos políticos con representación na Corporación. Facilitarase o uso dos locais parroquiais polas asociacións constituídas no concello para fins recreativos, deportivos e culturais sen ánimo de lucro e elaborararase consensuadamente un código que recolla as normas de utilización dos locais polas asociacións e a veciñanza.
6. Compromiso de avanzar a conciliación familiar estudando a implantación dun servizo de mañanceiros e comedor nas Escolas de Educación Infantil de Areas e Viñas, cunha bonificación das taxas nos casos socialmente xustificados. Explorar as diferentes vía de colaboración convenio para a creación un centro de día público.
7. Compromiso de elaborar un censo de casas e vivendas baleiras e deshabitadas no concello, co fin de crear un banco público de vivenda a prezo taxado. - publicar na web do Concello, previo acordo cos propietarios; as vivendas dispoñíbel tanto para alugar como para mercar en propiedade, con prezos acorde o mercado-. Creación dunha liña de axudas para a rehabilitación de vivendas.
8. Compromiso de colaborar activamente coas entidades locais para a defensa e promoción do patrimonio cultural material e inmaterial. Estabelecer canles de diálogo coas asociacións do concello na procura de proxectos e actuacións de colaboración.
9. O Pleno Municipal asumirá as competencias que lle marca a lexislación, e non as delegará na Xunta de Goberno Local. Os plenos ordinarios celebraranse cada 3 meses, mais convocarase un pleno extraordinario cando exista un tema que o xustifique e así o solicite un dos grupos asinantes do presente acordo.