O BNG de Oza e Cesuras volve cuestionar o proceder antidemocrático do goberno do PP

Estefanía Busto: “Constantemente o goberno local recorre a convocatorias extraordinarias, limitando así o labor da oposición”
As nacionalistas consideran que esta situación é “unha falta de respecto aos valores democráticos dunha institución como é o Concello de Oza-Cesuras, onde a veciñanza tamén está representada en forzas como o BNG” e tachan de “autoritaria” a acción de goberno dos populares
Oza dos Ríos, 5 de marzo de 2025. O BNG de Oza e Cesuras volve denunciar que o alcalde do PP segue saltándose as mínimas formas democráticas, sinalando que “constantemente o goberno local recorre a convocatorias extraordinarias, limitando así o labor da oposición”.
“Mentres recorren a convocatorias extraordinarias, deixan de convocar ou convocan fóra de prazo os plenos ordinarios, modificando os días e as datas que o pleno acordou, onde o propio PP ten maioría absoluta”, sinalou a concelleira do BNG. “Esta forma de proceder é habitual e intencionada, xa que os plenos ordinarios son a única ferramenta da que dispoñemos como oposición para fiscalizar o traballo do goberno e achegar propostas propias ou da veciñanza”, engadiu.
“Nesta ocasión convocáronnos a un pleno extraordinario no día de hoxe, cando por acordo deberiamos ter un ordinario o pasado venres 28 de febreiro, ao que traen a amortización de tres prazas: educadora familiar, asistenta de axuda no fogar e limpadora”, informou a concelleira nacionalista. “Hai só dous meses que se aprobou o orzamento para o 2024, cun ano de retraso e tendo un goberno en maioría, e agora queren prescindir de tres empregadas, sen que se xustifique a urxencia e a necesidade de amortizar estas prazas”, concluíu Busto.
Queixa ante a Valedoría do Pobo
Ante a obstrución do goberno do PP e a limitación dos dereitos da oposición, o BNG presentará unha queixa formal ante a Valedoría do Pobo. As nacionalistas consideran que esta situación, mantida no tempo, é “unha falta de respecto aos valores democráticos dunha institución como é o Concello de Oza-Cesuras, onde a veciñanza tamén está representada en forzas como o BNG” e tachan de “autoritaria” a acción de goberno dos populares.
“Acudiremos unha vez máis a Valedoría do Pobo, como xa fixemos no ano 2014 e 2021, para denunciar a situación e buscar amparo ante uns feitos que consideramos graves”, denunciou Busto. “Antes o goberno do PP impedía que se votasen as nosas mocións, como cando propuxemos retirar as honras públicas a Julián Lucas, alcalde condenado por estafa, mais agora directamente non podemos nin rexistralas porque os plenos por norma son extraordinarios”.