O BNG de Oza-Cesuras demanda melloras na atención primaria

Estefanía Busto: “Son moitas as persoas que nos fixeron chegar as súas queixas pola falta dunha cobertura adecuada cando falta algunha médica ou médico, con prazos para unha cita de máis dunha semana ou mesmo citas que se anulan”.

O BNG de Oza-Cesuras demanda melloras na atención primaria

Oza dos Ríos, 8 de xaneiro de 2024.- A voceira do BNG en Oza-Cesuras, Estefanía Busto exixe a dotación inmediata de profesionais médicos para garantir unha correcta atención presencial sen prexuízo da do descanso e baixas do persoal ou das consultas domiciliarias.

Comeza a voceira nacionalista indicando que “A atención primaria é un servizo sanitario imprescindíbel en calquera sociedade avanzada e deber ser coidada e dotada dos medios económicos e humanos necesarios para garantir o benestar das persoas, así mesmo deberán garantirse unhas condicións laborais dignas para todo o persoal sanitario, por outra banda, a atención primaria é a porta de acceso a outras probas ou especialidades, cuns ambulatorios efectivos evítanse entre outros, o problema da saturación das urxencias.”

Indican desde o BNG que “Os recortes continuados ao longo de moitos anos de gobernos do PP na Xunta de Galiza, teñen ocasionado un deterioro manifesto na sanidade pública galega (listas de agarda, peche de camas hospitalarias, falta de substitución de profesionais, abuso da contratación eventual). Na nosa comarca, coma en toda Galiza, nótanse estes efectos tanto nas especialidades coma na atención primaria, cuestión esta que levamos anos denunciando desde o BNG”.

Sinala Busto que “No concello de Oza-Cesuras contamos con dous centros de saúde cunha equipa fixa e un servizo de pediatría compartido con Abegondo. Cando algunha destas profesionais falta, por descansos ou enfermidade, aumentan os problemas para manter un ritmo de atención adecuado ás necesidades da poboación.”

Continúan dicindo as nacionalistas “Valoramos moi positivamente o esforzo de todas as profesionais que pasan polo noso centro de saúde, mais é innegable que resulta complexo dar resposta ás demandas dunha poboación envellecida, moita dela con extensos historiais médicos, á que non se coñece.”

“Son moitas as persoas que nos fixeron chegar as súas queixas pola falta dunha cobertura adecuada cando falta algunha médica ou médico, con prazos para unha cita de máis dunha semana ou mesmo citas que se anulan” asegura a voceira nacionalista, “demandaremos no próximo pleno que se cubran os períodos de descanso ou baixa das médicas e médicos, para garantir a atención sanitaria no nos concello”, concluíu Busto.

O BNG de Oza-Cesuras demanda melloras na atención primaria