O BNG demanda melloras urxentes na atención sanitaria no centro de saúde de Coirós

Pura Ferreño é a voceira do BNG de Coirós
Pura Ferreño é a voceira do BNG de Coirós

Pura Ferreño exixe a dotación inmediata de profesionais médicos a tempo completo para garantir unha correcta atención presencial sen prexuízo das consultas domiciliarias

O BNG demanda melloras urxentes na atención sanitaria no centro de saúde de Coirós

Coirós, 2 de xaneiro de 2024.- A voceira do BNG en Coirós, Pura Ferreño exixe a dotación inmediata de profesionais médicos a tempo completo para garantir unha correcta atención presencial sen prexuízo das consultas domiciliarias

Comeza a voceira nacionalista indicando que “O Centro de saúde de Coirós é onde as veciñas e veciños acudimos para solucionar os nosos pequenos, ou incluso grandes, problemas de saúde. Mais é tamén onde se nos abren as portas para acceder a probas específicas ou a consultas nas especialidades”.

É necesario pois “que contemos cunha equipa de persoal xeral, de enfermería e doutoras con quen poidamos establecer unha relación fluída e permanente no tempo que garanta coñecemento e confianza mutua” continúa Ferreño.

Indican desde o BNG que “Os recortes continuados ao longo de moitos anos de gobernos do PP na Xunta de Galiza, teñen ocasionado un deterioro manifesto na sanidade pública galega (listas de agarda, peche de camas hospitalarias, falta de substitución de profesionais, abuso da contratación eventual). Na nosa comarca, coma en toda Galiza, nótanse estes efectos tanto nas especialidades coma na atención primaria, cuestión esta que levamos anos denunciando desde o BNG”.

 “Son moitas as persoas que nos fixeron chegar as súas queixas pola falta dunha cobertura adecuada cando falta a médica titular” asegura a voceira nacionalista.

O concello de Coirós conta con un centro de saúde que ten unha equipa formada por 1 doutora, 1 enfermeira e 1 persoa de servizos xerais. 

Indica Ferreño que “Cando algunha destas profesionais falta, por descansos ou enfermidade, aumentan os problemas para manter un ritmo de atención adecuada ás necesidades da poboación. Cando se trata da médica a cuestión agrávase polo feito de que o Sergas non cubre a praza a tempo completo (só o fai parcialmente, incluso menos do 50%), recortando dun xeito considerábel o horario de atención ás persoas co conseguinte prexuízo para as veciñas e veciños”.

Continúan dicindo as nacionalistas “ Valoramos moi positivamente o esforzo de todas as profesionais que pasan polo noso centro de saúde, mais é innegable que resulta complexo dar resposta ás demandas dunha poboación envellecida, moita dela con extensos historiais médicos, á que non se coñece. Tamén é  practicamente imposíbel facer visitas domiciliarias sen desatender a atención telefónica ou presencial, nomeadamente cando nalgúns casos se ben na obriga de compatibilizar nun mesmo día traballo en distintas localidades”.

Remata Pura Ferreño indicando que demandarán no vindeiro pleno un acordo para Instar á Xunta de Galiza a dotar de inmediato o centro de saúde de Coirós dunha doutora ou doutor que cubra de maneira continuada e a tempo completo a ausencia da médica titular. Pedirán tamén Aumentar o persoal sanitario para garantir a atención presencial e manter a asistencia nos domicilios ás persoas dependentes ou con dificultades de mobilidade.

 

O BNG demanda melloras urxentes na atención sanitaria no centro de saúde de Coirós