O BNG de Coirós promove a catalogación e conservación das fontes e lavadoiros
Pura Ferreño defenderá no vindeiro pleno que se faga un inventario de todas estas construcións e que sexan incluídos no catálogo de bens patrimoniais do concello de Coirós
Coirós, 19 de Outubro de 2022.- O BNG de Coirós demanda a catalogación e conservación das fontes e lavadoiros pola súa importancia como patrimonio do pobo e parte da memoria colectiva. A concelleira do BNG Pura Ferreño ven de presentar unha moción para demandar a posta en valor do amplo patrimonio de fontes e lavadoiros que se estende por todas as parroquias de Coirós.
“As fontes e lavadoiros forman parte do noso patrimonio tradicional e como tales, deben ser obxecto de especial coidado e protección. Nos últimos anos foron mudando os usos e estas construcións foron quedando abandonadas e deteriorándose ata case desaparecer” afirma Ferreño. “É un feito que coa aparición das lavadoras os lavadoiros foron perdendo uso, mais iso non quita que conservalos sexa tamén un xeito de render tributo a todas as mulleres que neles traballaron arreo, ademais de ser patrimonio do pobo”, engade a nacionalista.
Lembra a concelleira que “das fontes carrexamos auga para lavarnos, limpar os nosos fogares e cociñar; aliviaron a nosa sede e aínda seguen a facelo as poucas que quedan accesíbeis. Tamén levabamos a auga sobrante ata o fondo da aldea para regar os prados e ter herba fresca todo o ano. Mais a ausencia de limpeza e mantemento fai que moitas delas acabaran comestas pola broza, contaminadas ou secas”
Por todo isto Pura Ferreño defenderá no vindeiro pleno que se faga un inventario de todas estas construcións e que sexan incluídos no catálogo de bens patrimoniais do concello de Coirós “Cómpre tamén elaborar un plan de limpeza urxente para eliminar a broza e desatascar as canalizacións. Haberá que programar un plan de recuperación e sinalización das fontes e lavadoiros para poñer en valor este ben que é patrimonio do pobo e memoria dos traballos das mulleres” exixe a voceira nacionalista
“Finalmente cómpre executar un plan de analíticas periódicas da auga das fontes para coñecer o seu estado e tomar as medidas pertinentes para lograr a potabilidade en todas as que sexa posíbel”, remata Pura Ferreño.