O BNG pide ao goberno local que revise o convenio coa protectora de animais e estableza un protocolo de actuación para animais perdidos e abandonados
“A Lei 4/2007, de 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galiza, regula a recollida e acollida de animais vagabundos e extraviados e sinala que os Concellos recollerán os animais domésticos vagabundos e extraviados”
Coirós, 30 de agosto de 2022.- O BNG pide ao goberno local que mellore o convenio de colaboración coa protectora de animais en atención a animais perdidos e abandonados. “Nos últimos anos está aumentando a sensibilización social na cuestión do benestar animal e vai en aumento unha forte concienciación acerca do maltrato e o abandono de animais, tanto na súa esfera de protección dos animais como na protección das persoas ante animais que vagabundean e que se descoñece se poden ser perigosos, ou por motivos de saúde pública nalgúns outros casos”, explicou a portavoz do BNG, Pura Ferreño.
“A Lei 4/2007, de 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galiza, regula a recollida e acollida de animais vagabundos e extraviados e sinala que os Concellos recollerán os animais domésticos vagabundos e extraviados que deambulen polo seu termo municipal e albergaranos en centros de recollida de animais abandonados inscritos no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos até que sexan retirados polos seus propietarios ou propietarias, sexan acollidos temporalmente ou adoptados, ou se lles dea outro destino autorizado segundo os supostos estabelecidos na presente lei”, engadiu Ferreño.
“O convenio subscrito polo concello de Coirós maniféstase insuficiente para atender todos os casos que se presentan no noso municipio, polo que é necesario revisalo e incluso asinar un convenio complementario con esta ou outra entidade ”, indicou a portavoz nacionalista.
Insiste Pura Ferreño que “tamén cómpre establecer un protocolo de actuación para que as traballadoras e traballadores do concello saiban como actuar no momento en que unha persoa avisa dun animal perdido ou abandonado, tanto se na entidade protectora teñen espazo coma se non o teñen”
Engade a concelleira do BNG que “é imprescindíbel que desde Xunta de Galiza, impulsora da citada Lei, se articulen as medidas económicas necesarias para que concellos coma Coirós poidan dotarse de persoal e medios para poder cumprir coas súas competencias nesta área”