O BNG de Coirós exixe o arranxo inmediato do depósito de abastecemento de auga municipal

Imaxe do depósito de auga
Imaxe do depósito de auga
Instamos ao goberno municipal a acometer de inmediato o arranxo da fuga no depósito auga para o abastecemento das veciñas e veciños de Coirós. Tamén é necesario realizar unha revisión minuciosa de todo o circuíto de captación, transporte, almacenamento e distribución da auga para detectar e eliminar todos os fallos que poidan ocasionar a mínima perda deste ben tan necesario.
O BNG de Coirós exixe o arranxo inmediato do depósito de abastecemento de auga municipal

Coirós, 10 de Agosto de 2022.- O BNG de Coirós exixe o arranxo inmediato do depósito de auga para o abastecemento municipal así coma unha revisión minuciosa de todo o circuíto de captación, transporte, almacenamento e distribución. A concelleira do BNG Pura Ferreño ven de visitar o depósito de auga para o abastecemento municipal. 

“A captación de auga de Coirós procede do río Fervenzas o cal, ao igual que noutros lugares, trae moi reducido o seu caudal por causa da seca que arrastramos este ano. Sempre é necesario facer un uso racional da auga, mais nun ano coma este cómpre ser moito máis responsábeis ”, indicou Ferreño.

Informa a nacionalista que “en Coirós son moitas as vivendas, nomeadamente as máis antigas, que teñen o seu propio pozo para abastecemento doméstico, aínda que tamén están conectadas ao servizo de subministro municipal. Sen dúbida esta dupla dispoñibilidade fai que o consumo da rede pública non sexa tan intenso coma naquelas vivendas onde o público é o único subministro”.

Nos últimos meses ten habido avisos de veciñas e veciños en relación con filtracións no depósito da auga de abastecemento, mais a solución nunca era efectiva e as filtracións seguiron. "Non entendemos como pode ser que ningunha persoa do servizo de mantemento alertara da situación do depósito de auga", engadiu Ferreño. "Queremos pensar que o depósito de auga municipal ten visitas periódicas para garantir o seu bo estado, sobre todo nun momento de escasez de auga como o que vivimos", indicou a portavoz do BNG. 

“Desde o BNG achegámonos ao lugar e puidemos comprobar que, a día de hoxe, en pleno mes de agosto, con medio país sufrindo restricións, o Alcalde e o goberno municipal de Coirós ignoran unha fuga de auga potabilizada de máis 1lit/minuto. Isto supón máis de 60 lit. /h, un total que supera os 1400 litros ao día” afirma Pura Ferreño.

Engade que “ademais do custe económico que supón, a auga é un ben imprescindíbel para a vida, e tamén é un recurso limitado e, nalgúns momentos ata escaso. Ignorar o incorrecto funcionamento dos sistemas de transporte ou almacenamento é unha irresponsabilidade coas veciñas e veciños mais tamén coas xeracións futuras”

“Por todo isto instamos ao goberno municipal a acometer de inmediato o arranxo da fuga no depósito auga para o abastecemento das veciñas e veciños de Coirós. Tamén é necesario realizar unha revisión minuciosa de todo o circuíto de captación, transporte, almacenamento e distribución da auga para detectar e eliminar todos os fallos que poidan ocasionar a mínima perda deste ben tan necesario” remata a concelleira do BNG.

 

O BNG de Coirós exixe o arranxo inmediato do depósito de abastecemento de auga municipal