O BNG reclama mediante unha acción simbólica melloras na xestión da recollida do lixo
A acción consistiu na colocación duns cartaces con información de que pode e non pode depositarse en cada colector e como actuar tamén antes de depositar residuos voluminosos na rúa
Coirós, 2 de Agosto de 2022.- Ante a inacción do goberno municipal, a portavoz do BNG, Pura Ferreño, e outros membros do BNG de Coirós realizaron unha actividade simbólica no punto de depósito de lixo que se atopa máis cerca da Casa do Concello. A acción consistiu na colocación duns cartaces con información de que pode e non pode depositarse en cada colector e como actuar tamén antes de depositar residuos voluminosos na rúa.
Desde o BNG reclamaron en abondosas ocasións no Pleno melloras no servizo de recollida do lixo. “En numerosas ocasións temos instado ao goberno municipal e ao alcalde a deseñar e executar un plan de limpeza dos colectores, así como a adaptar o reparto de unidades de distintos tipos -verde, amarelo, vidro e papel- para facilitar unha adecuada separación e posterior xestión dos refugallos”, explicou a portavoz municipal do BNG, Pura Ferreño.
“A resposta por parte do Alcalde foi nula. Seguimos a padecer os cheiros e a falta de limpeza sempre que nos achegamos a un punto de recollida do lixo”, lamenta a voceira nacionalista.
“A maioría dos colectores non teñen indicacións de como se debe separar e os que si as teñen apenas lexibles a causa do desgaste polo paso do tempo e da falta de limpeza. Isto ocasiona que, con demasiada frecuencia, atopemos restos depositados fora dos colectores, nomeadamente cristais e agora recentemente tamén garrafas con aceite. Podemos velo á beira dos camiños e tamén preto de lugares de xogo de crianzas có conseguinte risco para a súa saúde e seguridade, sen que o alcalde mova un dedo para evitalo”, afirma Ferreño.
“O custe do material de información que vimos de utilizar non chegou aos 3 euros. Con un presuposto menor de 3.000 euros o Alcalde podería ofrecer ás veciñas e veciños unha información clara para, entre todas e todos, lograrmos separar ben en orixe e así reducir tamén a factura que se paga á empresa concesionaria”, remata a concelleira nacionalista Pura Ferreño.