O BNG reclamará de novo no Pleno melloras no servizo de recollida do lixo
Desde o BNG piden que o Pleno inste á empresa a revisar a distribución de colectores de todo tipo e incrementar o seu número para garantir que serán suficientes para acoller todo o lixo xerado en cada zona así como a desenvolver e executar un plan de limpeza e hixienización periódica dos colectores, nomeadamente verdes e amarelos
Coirós, 7 de xullo de 2022.- O BNG reclamará de novo no Pleno melloras no servizo de recollida do lixo. “En numerosas ocasións temos instado ao goberno municipal e exixirlle á empresa concesionaria o deseño e execución dun plan de limpeza dos colectores, así como a necesidade de adaptar o reparto de colectores de distintos tipos -verde, amarelo, vidro e papel- para facilitar unha adecuada separación e posterior xestión dos refugallos”, explicou a portavoz municipal do BNG, Pura Ferreño.
“O confinamento motivado pola pandemia do Covid-19 puxo de manifesto, unha vez máis, que a distribución de colectores non era a adecuada, quedando moi escasa nomeadamente nas zonas que incrementaron a súa poboación. A día de hoxe esta situación non mudou, e a escaseza e mala distribución segue sendo evidente”, engadiu a voceira nacionalista.
“É necesario chamar a atención sobre a falta de hixienizacíón dos colectores verdes e marelos que ocasiona un risco para as veciñas e veciños mais tamén para as persoas traballadoras do servizo de recollida”, indicou, “a cuestión da limpeza sempre foi unha prioridade urxente reclamada reiteradamente polo BNG”.
“Debemos tamén engadir que, con demasiada frecuencia, atopamos restos depositados fora dos colectores, nomeadamente cristais e agora recentemente tamén garrafas con aceite. Isto acontece á beira dos camiños e tamén preto de lugares de xogo de crianzas có conseguinte risco para a súa saúde e seguridade”, informou Pura Ferreño.
Por todo isto, desde o BNG piden que o Pleno inste á empresa a revisar a distribución de colectores de todo tipo e incrementar o seu número para garantir que serán suficientes para acoller todo o lixo xerado en cada zona así como a desenvolver e executar un plan de limpeza e hixienización periódica dos colectores, nomeadamente verdes e amarelos.
Pediron tamén se envíe información sinxela e clara a todos os domicilios para mellorar a formación das veciñas e veciños, á vez que se colocarán cartaces nos colectores sobre o que debe e non debe ir en cada tipo así como os días de recollida de voluminosos e o procedemento a seguir para depositalos, e así, deste xeito, lograr unha mellor separación, redución e xestión do lixo en orixe.