O BNG reclama á Xunta unha cuberta no centro de saúde de Coirós para garantir un mellor acceso
Mercedes Queixas: “Estamos a falar dunha actuación sinxela que tería un impacto inmediato na calidade do servizo sanitario”
Coirós, 6 de maio de 2026. O BNG vén de rexistrar no Parlamento de Galiza unha iniciativa para reclamar á Xunta de Galiza a instalación dunha cuberta no acceso ao Centro de Saúde de Figueiras, no concello de Coirós, co obxectivo de garantir unhas mellores condicións de accesibilidade.
A deputada do BNG, Mercedes Queixas, sinala que “estamos a falar dunha actuación sinxela que tería un impacto inmediato na calidade do servizo sanitario, especialmente nun país con frecuentes episodios de choiva como Galiza”. A iniciativa pregunta se a Xunta é coñecedora desta situación e se ten previsto acometer a obra.
Pola súa parte, a portavoz municipal do BNG de Coirós, Pura Ferreño, lembra que “logo de subir polo acceso cuberto que hai desde o aparcadoiro, as usuarias teñen que percorrer varios metros ao descuberto até a entrada do centro de saúde, algo especialmente problemático para persoas maiores ou con mobilidade reducida”.
Desde o BNG insisten en que a Xunta de Galiza debe atender as necesidades básicas dos centros de saúde e garantir un acceso seguro e protexido, poñendo fin a unha situación que consideran “facilmente solucionábel”.