O BNG presentou alegacións coas súas propostas para mellorar o orzamento de Coirós

Pura Ferreño: “Desde o BNG vimos de presentar alegacións coas nosas propostas para mellorar o orzamento do PP e así contribuír a unha xestión máis eficiente e transparente dos fondos públicos para beneficio das veciñas e veciños de Coirós”

Melloras nos servizos públicos, maiores investimentos e un reparto máis xusto e transparente dos cartos públicos son as liñas fundamentais das alegacións do BNG

O BNG presentou alegacións coas súas propostas para mellorar o orzamento de Coirós

Coirós, 5 de decembro de 2025. O BNG presentou emendas coas súas propostas para mellorar o orzamento de Coirós. “O pasado 19 de novembro o PP aprobou, inicialmente, os orzamentos municipais de Coirós para 2026. Desde o BNG vimos de presentar alegacións coas nosas propostas para mellorar o orzamento do PP e así contribuír a unha xestión máis eficiente e transparente dos fondos públicos para beneficio das veciñas e veciños de Coirós”, explicou a voceira do BNG de Coirós, Pura Ferreño. 

“Coma en anos anteriores comezamos reclamando un maior control sobre como se reparten as subvencións a entidades e asociacións. É necesario dotarse dun plan estratéxico de subvencións onde se marquen obxectivos a conseguir e criterios de valoración para que o reparto de cartos públicos sexa máis xusto e transparente”, indicou Ferreño. 

“Tamén demandamos unha nova redacción das axudas por nacemento para que se teñan en conta criterios sociais, acabar có café para todos e que reciba máis quen máis o necesita. Así mesmo pedimos que se contemplen os novos modelos de familia en caso de nacemento e de adopción (familias monoparentais, parellas do mesmo xénero)”, engadiu. 

Desde o BNG pediron tamén que unha parte da partida de axudas de emerxencia para loita contra a violencia de xénero, creada no seu momento grazas a unha proposta do BNG, e que todos os anos fica integramente sen gastar vaia ao capítulo de gasto corrente para campañas de loita contra a violencia e os comportamentos machistas. 

 

En relación coa mellora de servizos públicos, a portavoz nacionalista incidiu na necesidade de deseñar un plan para dotarnos dun servizo de transporte público, que permita desprazarnos desde as diferentes parroquias ao centro de Coirós, articular un sistema de recollida e procesado de restos de poda e estudar a posibilidade de poñer en marcha un sistema de saneamento descentralizado para así chegar a todos os lugares do noso concello. 

Propostas para Investimentos

“Os investimentos son mínimos nos orzamentos de Coirós, de feito a redacción do anexo xa comeza con ‘limítanse ás seguintes’, toda unha declaración!”, criticou Ferreño. 

Desde o BNG lembraron que moitas das súas propostas xa foron aprobadas en pleno, mais o goberno local nunca chegou a facelas realidade, como medidas de inclusión nos locais e espazos municipais para facilitar a vida das persoas con diversidade auditiva, visual, neurolóxica ou de mobilidade, mellora acústica do pavillón polideportivo da Cortella, iniciar a execución dunha rede de camiños saudábeis e, por suposto, acometer un plan de limpeza, sinalización e posta en valor do patrimonio ligado á auga (fontes, muíños e lavadoiros). 

O BNG presentou alegacións coas súas propostas para mellorar o orzamento de Coirós