O BNG de Coirós reclama transparencia e garantías ambientais fronte ao proxecto de fundición de chatarra de Cortizo
A portavoz municipal do BNG de Coirós, Pura Ferreño, considera “preocupante que se tramite un proxecto desta envergadura sen que a veciñanza coñeza antes con claridade os seus efectos ambientais nin as medidas previstas para minimizalos”
Coirós, 17 de xuño de 2025. O Bloque Nacionalista Galego denuncia a falta de transparencia e de garantías que rodean ao proxecto da planta de fundición de chatarra de aluminio que Aluminios Cortizo pretende instalar no parque empresarial de Coirós. A formación nacionalista critica que a Xunta de Galiza emitise unha Declaración de Impacto Ambiental favorábel sen asegurar o acceso público a información clave sobre os efectos reais da instalación.
Desde o BNG reclaman que se fagan públicos e accesíbeis todos os documentos ambientais vinculados ao proxecto, especialmente os referidos ao consumo de auga e enerxía, ás emisións e ao tratamento de residuos perigosos. Para o BNG, é imprescindible garantir que calquera actividade industrial se desenvolva con todas as garantías para limitar o seu impacto sobre a saúde, o territorio e os recursos naturais.
A portavoz municipal do BNG de Coirós, Pura Ferreño, considera “preocupante que se tramite un proxecto desta envergadura sen que a veciñanza coñeza antes con claridade os seus efectos ambientais nin as medidas previstas para minimizalos”. Ferreño subliña que “o proxecto presenta importantes lagoas de información e non achega datos concretos sobre aspectos tan sensíbeis como o consumo hídrico ou o volume e tratamento de residuos”.
O BNG xa presentou alegacións ao proxecto, advertindo dunha posíbel deficiencia na avaliación ambiental. Ademais, no Parlamento de Galiza, a deputada Mercedes Queixas vén de rexistrar unha iniciativa solicitando copia da Declaración de Impacto Ambiental e da Autorización Ambiental Integrada para que poida ser examinada tanto polo grupo nacionalista como pola cidadanía.
“O mínimo que se lle debe á veciñanza é información completa e veraz. Non se pode permitir que non haxa un control público rigoroso nun ámbito tan delicado como é o medio ambiente”, afirmou Queixas.
Desta maneira, o BNG mantén o seu compromiso coa defensa do territorio e seguirá esixindo transparencia e priorizando garantías ambientais reais ante calquera risco para o benestar da veciñanza e o equilibrio ecolóxico.