O BNG de Coirós demanda un vestiario e mobiliario de almacenaxe para o Centro Social do Cruceiro
O BNG de Coirós demanda que se habilite un espazo como vestiario e se dispoña de perchas e armarios suficientes para as persoas que participan na realización de festivais, actuacións ou concertos.
Coirós, a 8 de xaneiro de 2025. Informan desde o BNG de Coirós de que “cada vez que se realiza algún evento no Centro Social do Cruceiro en Coirós (música, teatro, contacontos, obradoiros) observamos que as persoas que fan parte das compañías non dispoñen dun espazo para deixar as súas pertenzas, mudar o vestiario ou caracterizarse.”
Detalla a portavoz Pura Ferreño que “recentemente, no festival de Nadal, que congregou a ducias de persoas participantes nas actividades culturais, foi preciso utilizar oficinas administrativas como vestiarios ou salas de ensaio e o corredor encheuse de roupa e pertenzas de crianzas e persoas adultas.”
Argumentan as nacionalistas que esta situación ocasiona incomodidade para as persoas traballadoras, para quen ten que actuar, para acompañantes (no caso das crianzas) e incluso pode ser un risco en caso dun desaloxo. Engaden tamén que utilizar oficinas administrativas pode poñer en risco a confidencialidade da documentación que alí se garda.
“É innegábel que o espazo fica pequeno para estes eventos mais tamén é certo que hoxe en día existen posibilidades para adaptar e organizar os espazos de xeito bastante económico. Colocar colgadoiros múltiples e andeis nos aseos ou dispoñer de burros para os eventos permitiría organizar ben os espazos e as pertenzas da xente” explica Ferreño.
É por isto que desde o BNG de Coirós veñen de demandar que se doten os aseos do Centro Social de mobiliario e accesorios de almacenaxe (andeis, perchas, burros) que permitan depositar as pertenzas con seguridade e sen entorpecer a circulación segura dentro do edificio.
Así mesmo indican que haberá que definir un espazo e acondicionalo para actuar como vestiario/camerino para facilitar o traballo das persoas que actúan sen interferir no quefacer diario das persoas que traballan acotío neste espazo municipal.