O BNG de Coirós promove a catalogación, protección e conservación do patrimonio cultural ligado á auga

O BNG de Coirós promove a catalogación, protección e conservación das fontes e lavadoiros do termo municipal por respecto ás persoas que os construíron, por aquelas que os coidan aínda hoxe e polas xeracións futuras, para que coñezan unha parte esencial da nosa cultura e da nosa identidade
O BNG de Coirós promove a catalogación, protección e conservación do patrimonio cultural ligado á auga

Coirós, 14 de novembro de 2025.

As nacionalistas teñen demandado en diversas ocasións un plan integral para limpar, sinalizar, protexer e poñer en valor o patrimonio cultural ligado á auga existente no concello de Coirós, tanto a través de emendas aos orzamentos municipais como mediante mocións debatidas en diferentes sesións plenarias.

O concelleiro Pablo Bugía afirma que “entre este patrimonio atópase, por poñer un exemplo, a Fonte do Ferrollo, no lugar do mesmo nome en Queirís. Trátase dunha construción singular que consta dun pozo que se anega nas épocas de choiva e verte a un lavadoiro anexo. Esta estrutura ficou case soterrada coa construción do desvío da N-VI a mediados dos anos 80.”  Detalle tamén que “a pesar diso, a veciñanza da zona demanda cada ano a limpeza do camiño de acceso, polo valor histórico e patrimonial que ten. Na actualidade, o espazo atópase moi deteriorado e o camiño é de difícil tránsito, incluso para persoas sen impedimentos físicos.”

Ante as obras realizadas recentemente en 3 lavadoiros, as nacionalistas fixeron  unha valoración positiva desta iniciativa, mais considerárona pouco ambiciosa xa que as intervencións limitáronse a substituír a cuberta dos lavadoiros. Para Bugía, o Concello debe “dispoñer dun inventario municipal actualizado que recolla todos os bens existentes, xunto cun estudo da súa situación e un plan ordenado e por fases para mellorar a súa conservación, protección e posta en valor”.

“Sen dúbida existe un interese social e patrimonial para que estes bens se manteñan e se coiden. Desde a administración local temos a responsabilidade de atender esta demanda, por respecto ás persoas que os construíron, por aquelas que os coidan aínda hoxe e polas xeracións futuras, para que coñezan unha parte esencial da nosa cultura e da nosa identidade” insiste Pablo Bugía.

Lembran tamén desde o BNG de Coirós que “a lexislación vixente obriga aos concellos a manter actualizado o inventario dos seus bens, dereitos e accións. Este inventario debe recoller tamén os bens culturais e etnográficos de titularidade municipal, como fontes e lavadoiros, polo que é necesario dar cumprimento a esta obriga legal e garantir a súa actualización efectiva”.

“É urxente que o goberno municipal aposte por poñer en valor o noso patrimonio máis aló de actuacións puntuais sen planificación nin continuidade. Son moitas as fontes e lavadoiros dispersos pola nosa pequena xeografía e algúns, como a Fonte do Ferrollo, cunhas características únicas” remata Bugía.

Por todo isto o grupo nacionalista en Coirós defenderá no vindeiro pleno inventariar todas as fontes e lavadoiros do termo municipal de Coirós e incluír estes elementos no catálogo municipal de bens patrimoniais, dando cumprimento á lexislación vixente. Será preciso tamén elaborar un plan de limpeza urxente para eliminar a vexetación e restaurar o funcionamento das canalizacións afectadas, así como controlar o estado da auga para poder adoptar as medidas necesarias para mellorar a súa calidade.

Por último, as nacionalistas urxe redactar e desenvolver un plan de recuperación, conservación e sinalización das fontes e lavadoiros do concello, co obxectivo de poñer en valor este patrimonio vinculado á memoria colectiva e ao traballo das mulleres. Dentro do cal, incluiríanse as actuacións necesarias na Fonte do Ferrollo, pola súa singularidade e estado de deterioro.

O BNG de Coirós promove a catalogación, protección e conservación do patrimonio cultural ligado á auga