Coirós pode quedar fora da area de transporte de Galiza por culpa da inoperancia do goberno local
O BNG de Coirós recrimínalle ao Alcalde a súa ineficacia para que Coirós se beneficie das bonificacións no prezo dos billetes do autobús
Coirós, 19 de Febreiro de 2021. O BNG afeoulle ao Alcalde de Coirós non ter realizado ante a Xunta de Galiza os trámites necesarios e obrigatorios para que as veciñas e veciños poidan beneficiarse dos descontos e bonificacións nos billetes de autobús contemplados na creación da chamada Área de Transporte de Galiza.
Explican desde o BNG que se dirixiron ao Alcalde para que facilitase información sobre os trámites realizados ante a publicación no DOG o pasado 13 de novembro de 2020 do anuncio da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galiza da información pública sobre a Área de Transporte de Galiza. “Os Concellos deberían adherírense amosando o seu interese para que, posteriormente, poida valorarse a sinatura dun convenio bilateral para a bonificación das viaxes de transporte público” indica Pura Ferreño.
“Neste proceso de información pública os Concellos tiñan até o 14 de decembro para adherírense” sinalou a voceira nacionalista. “A día de hoxe o Alcalde non foi quen de facilitarnos documentación algunha que acredite que fixo algún destes trámites obrigatorios, e tampouco de darnos unha explicación verbal sobre o tema” apuntan desde o BNG.
As nacionalistas chaman a atención sobre este feito “que constituiría unha neglixencia máis por parte do Alcalde e o goberno municipal do PP, e que afecta gravemente á veciñanza de Coirós pois non vai poder beneficiarse dos descontos e bonificacións no billete dos autobuses que contempla a inclusión nesta Área de Transporte de Galiza” sinala Ferreño.