O BNG denunciou nas súas alegacións aos parques eólicos Seselle, Fontella e Feás, que no estudo de impacto non sen contemplan os proxectos doutros tres parques na mesma zona
Trátase pois dun estudo que non recolle a realidade do conxunto de aeroxeneradores que se proxecta instalar nesta área e que polo tanto non ten validez como tal”
A nacionalista apelou a poñer no centro o interese público as garantías ambientais e o retorno económico e social da enerxía eólica.
Betanzos, 16 de xaneiro de 2021. O BNG denunciou nas súas alegacións aos parques eólicos Seselle, Fontella e Feás, nos concellos de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras, que no estudo de impacto non sen contemplan os proxectos doutros tres parques na mesma zona. Estes 3 parques véñense sumar ao PE Felga ao que xa presentamos alegacións desde o BNG, e supoñen 25 aeroxeneradores máis e 125 MW de potencia.
“No estudo de elementos Sinérxicos e acumulativos do estudo de imapcto recóllense os parques en tramitación e en explotación nun área de 20 quilómetros”, explicou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López. “Sen embargo non se recollen 3 dos parques actualmente en tramitación na área máis cercana de 5 quilómetros, en concreto obviase a existencia dos PE Penas Boas -4 aeroxeneradores-, PE Gato -6 aeroxeneradores- e o PE Felga -5 aeroxeneradores-, este último en tramitación o seu estudo ambiental, ao que tamén presentamos alegacións”, engadiu López.
“Trátase pois dun estudo que non recolle a realidade do conxunto de aeroxeneradores que se proxecta instalar nesta área e que polo tanto non ten validez como tal”, criticou Cristina López. Ademais desde o BNG insistiron en reclamar un estudo ambiental conxunto de todos os aeroxeneradores que se proxecta instalar nunha área de menos de 5 quilómetros. “A fragmentación dun Parque Eólico é unha práctica fraudulenta cando se presenta un Estudo de Impacto Ambiental individual de cada un dos proxectos fragmentados, evitando unha avaliación global de todo o proxecto e das garantías esixibles”, indicou a responsábel nacionalista.
Afectación á Necrópole megalítica do Monte do Gato
Desde o BNG pediron tamén medidas compensatorias por parte da empresa como a posta en marcha dun plan de rentabilización do Patrimonio de toda a Necrópole “que inclúa a limpeza continuada no tempo dos túmulos que a integran e os seus accesos, así como a súa posta en valor mediante elementos didácticos que poderían ir desde cartelería e sinalización mediante fitos ata o desenvolvemento de aplicacións informáticas para dispositivos móbiles con contidos multimedia”, engadiu Cristina López. A valoración económica destas medidas e os prazos para a súa execución deberan incluírse no EIA.
Modelo Muras: que a enerxía eólica reverta en beneficio de toda a veciñanza
A nacionalista apelou a poñer no centro o interese público as garantías ambientais e o retorno económico e social da enerxía eólica. Nesta liña lembrou que o concello de Muras é “un claro exemplo de como a enerxía eólica reverte en beneficio dos veciños e veciñas que ven abarato o prezo do recibo da luz”.