O BNG presentou en Betanzos as súas emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2025 para a comarca das Mariñas

Mercedes Queixas: “O PP votou en contra de todas as emendas do BNG, como as que pedían reservar unha partida para rematar o saneamento da Ría de Betanzos e para unha depuradora en Paderne, ou para o tantas veces reclamado Centro de día ou xeriátrico público nas Mariñas”
O BNG presentou en Betanzos as súas emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2025 para a comarca das Mariñas

Betanzos, 20 de decembro de 2024.- O BNG presentou en Betanzos as súas emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2025 para a comarca das Mariñas. Na presentación participaron a deputada Mercedes Queixas, o responsábel comarcal e portavoz do BNG en Miño, Alberte G. Nicolás, xunto con Amelia Sánchez e Salvador González do grupo municipal de Betanzos e a responsábel local María Bonome.

“O PP non ten un modelo de país, mentres a calidade de vida dos galegos e as galegas non deixa de empeorar o Partido Popular goberna para beneficiar as empresas amigas”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas. “O PP votou en contra de todas as emendas do BNG, como as que pedían reservar unha partida para rematar o saneamento da Ría de Betanzos e para unha depuradora en Paderne, ou para o tantas veces reclamado Centro de día ou xeriátrico público nas Mariñas”, engadiu Queixas. 

Sen fondos para os centros de ensino públicos 

Desde o BNG cuestionan que o PP votase en contra das emendas do BNG para rematar a reforma integral que precisa o CEIP Vales Villamarín ou o IES Francisco Aguiar, nin para a reforma do comedor, ou para converter o aulario nun centro de educación infantil independente. 

“Tampouco se reservan cartos no orzamento para as obras necesarias no CPI Castro Baxoi, que xa reclamamos no Parlamento, e que a pesar dos compromisos do goberno non vemos que se vexan atendidas”, explicou o responsábel comarcal do BNG e voceiro do BNG en Miño. 

Nin xeriátrico nin centro de día público

Neste sentido, desde o BNG lamentan que o PP se negase de novo a reservar unha partida no orzamento para o vindeiro ano para reforzar os servizos sociais nas Mariñas. “Este ano tampouco hai fondos para construír un centro de día público nin xeriátrico nunha comarca que carece dunha soa praza de xeriátrico pública”.

Conservación e posta en valor do Patrimonio

O BNG insiste na importancia da conservación e posta en valor do noso patrimonio que o PP ten abandonado. “Pedimos que se reservase crédito para rematar a rehabilitación do Pasatempo, así como a posta en valor da Necrópole do Monte do Gato, entre Coirós, Aranga e Oza-Cesuras (ameazada polos parques eólicos e as liñas de alta tensión), ou para a conservación e posta en valor doutro patrimonio protexido e a piques de desaparecer como a Fábrica da luz en Betanzos”, conclúen desde o BNG. 

 

O BNG presentou en Betanzos as súas emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2025 para a comarca das Mariñas