O BNG presenta propostas aos orzamentos municipais 2025 para reactivar Bergondo
O grupo municipal nacionalista propón obras como adecuar os locais sociais de Mariñán, Vixoi, Cortiñán e Fiobre, ou solucionar a problemática de humidades dos baixos da Casa da Cultura
Bergondo, 30 de outubro de 2024.- O BNG de Bergondo ven de presentar as súas propostas para o orzamento municipal 2025, que inclúe novidades como unha asistencia técnica para desbloquear o departamento de urbanismo, ampliar o programa "Universo Diverso" tamén a menores, modificar o ICIO para bonificar a restauración de vivendas que axude mellorar a problemática habitacional xeral, ou crear unha senda peonil entre Sta Marta e Rois.
O grupo municipal nacionalista tamén propón obras como adecuar os locais sociais de Mariñán, Vixoi, Cortiñán e Fiobre, ou solucionar a problemática de humidades dos baixos da Casa da Cultura.
"Incluímos novas propostas para o 2025, así como outras que xa propostas para este e que non se executaron, como un pump track, renovar a polideportiva de Cortiñán, crear un observatorio de aves no Xuncal ou dotar de mobiliario a senda de Vixoi; tamén outras como facerse cargo dalgún baleirado de fosas sépticas para as vivendas sen saneamento, a apertura da Casa da Xuventude e unha programación estable para a mocidade que axude a conciliar, reeditar a promoción do comercio e empresas locais, habilitar a escola unitaria de Cortiñán como vivenda de emerxencia social, ou dotar de saneamento a zona da Fraga", indicou o portavoz municipal David Carro.
Igualmente, nas achegas do BNG inclúense outras aprobadas en pleno, algunhas de anteriores anualidades non executadas, como o servizo de xantar na casa e a posta en marcha dunha liña de transporte interparroquial municipal, ou a creación de aparcamentos en Guísamo, e outras aprobadas este ano, como a promoción e posta en valor do sector da panadaría e pastelaría locais.
"Incidimos tamén noutras que xa son reivindicacións históricas non atendidas polo Goberno Local, máis preocupado en facer oposición da oposición que en gobernar e sacar proxectos adiante, como a adquisición de terreos para equipamentos, renovar a praza e o entorno do centro de saúde de Guísamo, reducir o coste do servizo de comedor das escolas unitarias, conveniar a creación de aparcamento en óptimas condicións no entorno da Senra e o CPI Cruz do Sar, un local para clubs deportivos e outras asociacións no Pedrido, instalar pictogramas de sinalización visual nos edificios municipais para persoas con diversidade funcional, ou unha partida especifica para o polígono industrial", detallou Carro.
Ademais, proponse que as partidas de cada concellaría veñan detalladas para dotar o documento de maior transparencia e ao mesmo tempo facilitar o seu seguimento.