O BNG urxe melloras na seguridade da AC-164 ao seu paso por Fiobre

Mercedes Queixas: "A raíz dun accidente producido en outubro de 2021, a zona foi declarada punto negro polo que compre priorizar actuacións nesta area, que soporta un alto volume de tráfico diario, unha media de 12.000 vehículos/dia"
O BNG urxe melloras na seguridade da AC-164 ao seu paso por Fiobre

Bergondo, 22 de outubro de 2024.- A deputada do BNG, Mercedes Queixas urxiu a Xunta de Galiza a tomar medidas para mellorar a seguridade viaria na estrada AC-164 ao seu paso por Fiobre en Bergondo. “Neste lugar téñense producido graves accidentes de tráfico, mesmo con atropelos ou falecementos”, explicou o portavoz do BNG de Bergondo, David Carro. 

A deputada do BNG ven de presentar unha iniciativa parlamentar, logo de visitar recentemente o lugar, para comprobar a situación de primeira man, acompañada polo grupo municipal nacionalista de Bergondo, así como outros membros do BNG local e veciñanza da zona. "A raíz dun accidente producido en outubro de 2021, a zona foi declarada punto negro polo que compre priorizar actuacións nesta area, que soporta un alto volume de tráfico diario, unha media de 12.000 vehículos/dia", indicou Queixas. 

"A sinalización actual leva a engano, pois parece que o límite é de 90km/h cando non é así, por un sinal situado ao comezo do núcleo. Ademais, hai unha pasarela peonil que non esta no lugar máis necesario, posto que esta a medio camiño entre o local social, a zona de esparcemento e as paradas de autobús. Hai que ter tamén en conta que esta estrada parte o núcleo en dous", informou David Carro.

"A situación foi trasladada pola veciñanza e polo Concello á Xunta mais a día de hoxe non levaron a cabo medidas que melloren a seguridade na zona, por iso urximos a Xunta a comprometerse e actuar de inmediato", concluíu Queixas.

O BNG urxe melloras na seguridade da AC-164 ao seu paso por Fiobre