O BNG denuncia o abandono da senda ZEC en Guísamo
David Carro: “urximos ao Goberno Local a arranxar a senda ZEC, inaugurada hai arredor dun ano, e que conecta Guísamo con Abegondo ou Carral”
Bergondo, 7 de xuño de 2024.- O BNG de Bergondo instou ao Goberno Local no último pleno a arranxar a senda ZEC, inaugurada hai arredor dun ano, e que conecta Guísamo con Abegondo ou Carral.
"É notoria e facilmente constatábel a falta de mantemento da senda ZEC inaugurada hai pouco máis dun ano. Esta senda é moi utilizada pola veciñanza para os seus paseos ou por grupos ciclistas da zona. A maleza e as ramas das arbores invaden unha considerábel parte da senda, ademais de que falta parte do mobiliario como consecuencia dun roubo e o que hai precisa dun tratamento dos elementos de madeira" indicou o portavoz municipal David Carro.
"Urximos ao Goberno Local a acondicionar esta senda debidamente e levar a cabo as labores de mantemento necesarias, sobre todo de cara a época estival, cando máis se utiliza. Como calquera outra infraestrutura precisa unha planificación e mantemento”, concluíu Carro.