BNG demanda obras de mellora na N-VI ao seu paso por Bergondo
Néstor Rego urxe solucionar as deficiencias que posúe a infraestrutura viaria, competencia estatal, para solucionar o déficit histórico e mellorar a súa seguranza
“Os sucesivos gobernos -dunha cor e doutra- desoíron as reclamacións da veciñanza que, en moitas ocasións, foron canalizadas a través do BNG no Concello de Bergondo e mesmo no Congreso” destaca David Carro
Madrid, 19 de abril de 2024. O Bloque Nacionalista Galego rexistra iniciativas no Congreso para reclamar ao Ministerio de Transportes actuacións inmediatas na N-VI ao seu paso polo termo municipal coruñés de Bergondo. A organización nacionalista demanda acelerar os trámites do proxecto da Travesía de Cortiñán, iniciar a construción da pasarela peonil de Bos, no Espírito Santo, frente ao CFEA, e dar solución aos problemas de seguranza para a circulación de peóns na ponte da AP-9, tamén en Guísamo, entre outras cuestións. En definitiva, o BNG demanda a implicación do Goberno do Estado para solucionar as eivas que posúe a N-VI co obxectivo de mellorar a seguranza viaria.
Unha das principais arterias de comunicación para moitas persoas en concellos como o de Bergondo é a N-VI. Da mesma maneira, tamén son numerosas as reclamacións da veciñanza para mellorar a seguranza viaria da infraestrutura. “A pesar disto, os sucesivos gobernos -dunha cor e doutra- desoíron as reclamacións da veciñanza que, en moitas ocasións, foron canalizadas a través do BNG no Concello de Bergondo e mesmo no Congreso” lembra o portavoz municipal do BNG en Bergondo, David Carro.
De facto, recorda Carro, en maio de 2022, após unha década de reivindicacións, o por aquel entón MITMA adxudicou as obras para eliminar un importante punto de concentración de accidentes como é o cruce entre a N-VI e a estrada de Ferrol a altura de Guísamo. “Porén, o Goberno do Estado debe incluír nestas actuacións a construción da pasarela peonil no lugar de Bos, parroquia de Guísamo, para que as persoas que traballan no polígono industrial e as que acceden ao Centro de Formación e Experimentación Agro-Forestal poidan atravesar a estrada con seguranza” afirma David.
Do mesmo xeito, sinala o deputado do BNG no Congreso, na parroquia de Guísamo segue sen solucionarse a deficiente sinalización e mantense un paso de peóns sen regulación semafórica frente á zona máis comercial e no que se dan accidentes con frecuencia. “O Ministerio debe mellorar a seguranza viaria a través da regulación semafórica” incide Néstor Rego.
Alén do máis o BNG entende que o Goberno do Estado, en coordinación co Concello de Bergondo, debe dar solución a problemática que se dá en Guísamo “de inundacións cando se producen fortes choivas por un problema derivado das conexións ao saneamento e a mestura con augas pluviais”, para o que o concello de Bergondo ten solicitado un proxecto de mellora e conversión en travesía desta zona.
Por outra parte, na parroquia de Cortiñán o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aprobou provisionalmente en febreiro de 2023 o proxecto denominado “Reordenación de accesos na estrada N-VI Travesía de Cortiñán (Bergondo). Tramo PP.KK. 576+200 ao 577+500”. Trátase dunha actuación que conta cunha grande demanda social e consenso na súa necesidade, pois precísase mellorar a seguridade dun tramo en que se teñen producido varios accidentes nos últimos anos, mesmo con vítimas mortais. “Mais, até o momento, non hai constancia de que se deran avances para executar o proxecto de mellora citado, do que nin tan sequera se resolveu o trámite de alegacións polo que lle demandamos ao Ministerio que acelere os trámites” asevera Rego.
Por último, despois do nó de enlace coa AP9, a pouca distancia sitúanse dúas zonas de parada de transporte público, en concreto no lugar de Raxás, parroquia de Vixoi, así como un negocio de hostalaría, que fan que un amplo número de veciños e veciñas, especialmente a mocidade que se despraza até os centros de estudo, transite por este tramo e teñan que atravesar a N-VI neste punto. “Cómpre mellorar a seguridade neste lugar, especialmente frente ás paradas de autobús e asegurar así a posibilidade de pasar dun lado a outro sen risco para as persoas” sentenza o deputado do BNG.