Néstor Rego: “O Acordo vai beneficiar a mobilidade de Betanzos e comarca"

O portavoz do BNG no Congreso destacou os descontos do 75% nos usuarios recorrentes da AP-9, a mellora da seguranza viaria da N-VI e o baipás Ferrol-Betanzos

Néstor Rego: “O Acordo vai beneficiar a mobilidade de Betanzos e comarca"

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, explicou este serán en Betanzos as medidas contempladas no Acordo logrado polo BNG no marco da investidura de Pedro Sánchez, que benefician á comarca das Mariñas, nomeadamente no eido das comunicacións e da mobilidade.

“Un antes e un despois na mobilidade ferroviaria”

Rego salientou o paquete de medidas en materia ferroviaria que, unha vez postas en práctica, “suporán un antes e un despois nas comunicacións de toda a comarca das Mariñas. Puxo especialmente en destaque a aposta polo tren de “cercanías” na área comprendida entre Ferrol e A Coruña que redundará positivamente nos veciños e veciñas da zona. Importante tamén é a axilización dos trámites para a execución do baipás de Betanzos, “unha infraestrutura básica para mellorar os tempos de viaxe e prolongar o Eixe Atlántico até Ferrol”.

Outra das medidas atinxe ao impulso dos traballos para a modernización e a electrificación da liña ferroviaria A Coruña-Lugo entre Betanzos e Lugo. Así como o inicio do estudo informativo no ano vindeiro para a mellora da liña A Coruña-Ferrol.

Un Plan de actuacións urxentes na N-VI

En materia de estradas, “está incluído no acordo a posta en marcha dun Plan de actuacións urxentes para a mellora na N-VI, un vía con puntos moi problemáticos e de elevada sinistralidade ao seu paso pola comarca, nomeadamente en Bergondo onde son frecuentes os accidentes debido á falta de elementos para garantir a seguranza viaria”.

Así mesmo, salientou o incremento dos descontos para usuarios e usuarias recorrentes da AP-9 de até 75% e que van redundar positivamente tamén nos petos dos veciños e veciñas”.

25-N: “incluímos a dotación de 5 novos Xulgados de Violencia de Xénero”.

En termos xerais, Néstor Rego  destacou medidas de calado social como a suba das pensións mínimas por riba do IPC que repercutirá nas maiorías sociais. E ás portas da conmemoración do 25-N, Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero, “queremos pór de manifesto o compromiso para dotar a Galiza de 5 novos Xulgados de Violencia de Xénero. Haberá Xulgados en Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol, en consonancia coas recomendacións do ámbito xudicial de contar cun xulgado en cada provincia.

Néstor Rego explicou asemade medidas de carácter político como a activación da Comisión Mixta Estado-Xunta para abordar as transferencias pendentes, a habilitación de medidas compensatorias análogas para Galiza en relación coa condonación da débeda e melloras na normalización da lingua galega. Por último, tamén salientou o compromiso de seguir avanzando no saneamento e rexeneración das rías galegas que, como é o caso da ría de Betanzos, precisan de actuacións urxentes para mellorar a súa calidade ambiental e a súa capacidade produtiva. “O Acordo é bo para Galiza, bo para As Mariñas e supón un avance importante na Axenda galega” concluíu Rego. 

Néstor Rego: “O Acordo vai beneficiar a mobilidade de Betanzos e comarca"