O BNG da comarca oponse á subida dun 35% no recibo do lixo
Desde o BNG destacan a opacidade da proposta e cren que hai un intento do pleno do consorcio de acabar co modelo de Nostián.
O servizo que se presta é moi deficiente e parece que, lonxe de querer solucionalo, o que pretenden é castigar máis a veciñanza da comarca.
A Coruña, 26 de outubro de 2023.- Desde o BNG cualifican a o acordo dos alcaldes do Consorcio das Mariñas de subir o recibo do lixo un 35 % de «escandaloso e indefendíbel», tendo en conta as graves eivas que ten o servizo. A formación nacionalista non concorda coa suba do recibo dos 125, 84 € actuais a 169,88 € co pretexto do suposto déficit do servizo, nun contexto en que a economía das familias está a verse moi afectada polo incremento dos prezos dos produtos básicos.
Os cidadáns e cidadás dos concellos que compoñen o Consorcio das Mariñas levan tempo observando que o servizo de recollida do lixo se leva a cabo de xeito moi deficiente (frecuencias de recollida insuficientes, limpeza e mantemento dos contedores absolutamente inexistente...) polo que unha suba do prezo do recibo sería incomprensíbel, e aínda máis sen que se produza unha fiscalización do contrato e da súa execución.
O BNG demanda un compromiso firme dos responsábeis dos concellos que conforman o Consorcio co modelo actual de funcionamento deste servizo. Desde os grupos municipais do BNG entenden que «é imprescindíbel, para defender o modelo de redución, reutilización e reciclaxe, que todo o proceso se faga nas condicións máis axeitadas, e con transparencia ante a cidadanía. Non concordamos con ningunha actuación que acabe por levar ao abandono do modelo actual en favor da incineración».
Por outro lado, desde o BNG vimos de solicitar en todos os concellos que forman parte do Consorcio a documentación relativa a esta proposta de incremento. Tamén solicitamos que se faga unha auditoría de como está funcionando o servizo e que se nos informe da situación do actual contrato e das conversas que se deron co concello da Coruña para asegurar o futuro da planta e dos postos de traballo.