BNG reclama a rexeneración ambiental da Ría de Betanzos
Néstor Rego urxe o MITECO a realizar todas as actuacións necesarias para a mellora da calidade das augas incluíndo a depuración e saneamento e permitir así o uso dos areais e a recuperación dos bancos marisqueiros
A frente nacionalista lembra as emendas presentadas aos Orzamentos para iniciar un Plan de Investimentos para o Saneamento Integral das Rías da Galiza, necesario para actuar contra a contaminación mariña, garantir a conservación da diversidade natural e manter as posibilidades de xerar riqueza económica.
Madrid, 10 de abril de 2023. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra distintas iniciativas instando ao Goberno do Estado a acometer as actuación necesarias para a mellora da calidade das augas na Ría de Betanzos. A fronte nacionalista sinala que a Ría precisa, de maneira urxente, levar a cabo medidas de depuración e saneamento que permitan o uso das praias, así como a recuperación dos bancos marisqueiros, e lembra que xa presentou emendas aos Orzamentos do Estado para a rexeneración da Ría de Betanzos en concreto e para a creación dun Plan de Investimentos para o Saneamento Integral das Rías da Galiza.
A Ría de Betanzos, a pesar de estar incluída dentro da Rede Natura 2000 e na Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras de Mandeo, leva anos esperando polas actuacións que permitan seu saneamento integral. As verteduras estanse a producir continuamente sen ningunha consecuencia e, polo de agora, non se coñece ningunha medida por parte do Estado –a Administración encargada de favorecer a rexeneración, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico- para solucionar o problema nun futuro próximo.
“Os Orzamentos Xerais do Estado, a pesar das emendas presentadas a tal efecto polo BNG, non incluíron ningunha actuación para a mellora da calidade das augas na Ría de Betanzos nin ningunha acción concreta para a mellora do saneamento nos distintos concellos bañados pola Ría de Betanzos” lembra o deputado nacionalista. De facto, as distintas administracións, incluída a Xunta de Galiza, recoñecen que existen diversos verteduras en diferentes concellos da Ría como Miño, Betanzos ou Bergondo.
“É socialmente coñecido que o funcionamento das depuradoras existentes é incorrecto e, en moitos casos, non existe unha diferenciación entre as augas pluviais e o resto” sinala Rego. Así mesmo, a esta situación engádeselle o deficiente saneamento noutros concellos, como o de Paderne, que carecen de sistema de depuración propio e onde se conta tan só con decantadoras.
Para o deputado nacionalista, é urxente “acometer as accións precisas para a mellora da calidade das augas na Ría de Betanzos. Necesitase levar a cabo medidas de depuración e saneamento que permitan o uso das praias e a recuperación de bancos marisqueiros”. Así mesmo, o deputado no Congreso solicita do Goberno toda a información relativa á rexeneración da Ría de Betanzos: “queremos saber que accións ten previstas o executivo, a este respecto”.
“A Ría de Betanzos non só é unha importante área natural que debe ser rexenerada e protexida, senón que conta cun alto potencial produtivo” salienta o deputado. Na actualidade, existe actividade extractiva de marisqueo con catro polígonos, explotados pola Confraría de Miño, dúas deles catalogados como zona B pola contaminación da auga, unha zona C e unha C estacional. Esta situación provoca unha evidente perda de emprego no sector do marisqueo que, de contar coas condicións óptimas, podería ter un maior desenvolvemento.
Neste sentido, a mala calidade da auga e o deber de enviar o marisco á zona de reinstalación na parte externa da Ría de Ferrol, impide que creza a actividade extractiva polas evidentes perdas que xera.
Por último, o deputado nacionalista lembra, que outra das emendas propostas polo BNG aos Orzamentos do Estado pretendía a creación dun Plan de Investimentos para o Saneamento Integral das Ría de Galiza, un ecosistema único a preservar, no que o saneamento é preciso para actuar contra a contaminación mariña, garantir a conservación da diversidade natural e manter as posibilidades de xerar riqueza económica tanto para o sector mar-industria como para o turismo.