O BNG presentou a súa campaña comarcal para as Xerais do próximo 23X emulando o cartaz dunha comisión de festas
En pleno verán, cando todo o mundo está de festa e praia, as nacionalistas quixeron facer unha chiscadela presentando un cartaz de actividades para a “Festa da democracia na honra de Galiza”
Miño, 9 xullo de 2023.- O BNG presentou onte a súa campaña comarcal para as Xerais do próximo 23X emulando o cartaz dunha comisión de festas. Na presentación onte en Miño participaron os candidatos da comarca das Mariñas ao Congreso, Cristina López, responsábel comarcal, e Alberte G. Nicolás, concelleiro do BNG en Miño, con militantes e simpatizantes do BNG e Galiza Nova das Mariñas.
En pleno verán, cando todo o mundo está de festa e praia, as nacionalistas quixeron facer unha chiscadela presentando un cartaz de actividades para a “Festa da democracia na honra de Galiza”.
Nesta campaña o BNG organizará repartos nas feiras e praias e un acto público, “amenizado” pola deputada Mercedes Queixas e e o candidato ao senado Carlos Babío. Será o xoves día 13 no matadeiro en Betanzos.
“Pretendemos dar a coñecer as nosas propostas en toda a comarca, e poder pechar estas festas da democracia cun grupo galego forte o vindeiro 23X”, explicou o candidato ao congreso Alberte G. Nicolás.
Caravana da mocidade e despregamento da bandeira da patria
Dentro desta campaña Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, organiza un reparto hoxe na Feira Franca Medieval en Betanzos sobre as propostas nacionalistas de políticas para a mocidade. O vindeiro 17 de xullo despregarán na praza do Pedrido unha bandeira da patria xigante como conmemoración do día da Patria.