BNG urxe o Ministerio de Transportes rebaixar os prazos de execución da rotonda de Guísamo
Néstor Rego exixe máis recursos, humanos e materiais, para acurtar o tempo previsto -34 meses- das obras de mellora da seguranza viaria no cruzamento da N-VI coa estrada de Ferrol
O candidato do BNG á alcaldía de Bergondo, David Carro, denuncia a pasividade do goberno local ante o prazo excesivo da actuación que está a ocasionar molestias para as persoas usuarias da vía
Madrid, 19 de febreiro de 2023. O deputado no Congreso, Néstor Rego, a instancias do portavoz e candidato do BNG á alcaldía de Bergondo, David Carro, rexistra iniciativas na cámara baixa para que o Ministerio de Transportes rebaixe os prazos de execución do proxecto de mellora do cruzamento da N-VI e a estrada de Ferrol á altura de Guísamo. A frente nacionalista demanda entende que as obras, demanda histórica da veciñanza e do BNG, deben realizarse nun período de tempo máis curto e solucionar o problema de seguranza viaria neste punto para evitar as molestias que se poidan producir.
Após unha década de reclamacións por parte da veciñanza e o BNG -a través de numerosas iniciativas e emendas nos Orzamentos do Estado para dotar de partidas esta obra-, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aprobou o proxecto de mellora do cruzamento entre a estrada estatal N-VI e a estrada de Ferrol (AC-164) en Guísamo, concello de Bergondo. Un dos puntos da infraestrutura que tiña graves problemas de seguranza viaria, concentrando un importante número de accidentes.
Mais, a pesar da aprobación deste proxecto, o Ministerio prevé un prazo de execución de 34 meses. Un prazo que, para a frente nacionalista, é demasiado amplo “para a actuación que se pretende acometer, posto que estamos a falar da construción dunha rotonda que permitiría mellorar a seguranza viaria”.
"Iniciadas as obras vemos como os recursos dedicados son escasos para unha execución áxil, sumándolle a iso o parón durante o Nadal. A máis recursos, menos tempo de obra e menos molestias para veciñanza e condutores” explica o candidato do BNG á alcaldía de Bergondo. Ante a pasividade do Goberno Local (PSOE-AV), denuncia David Carro, “necesitamos uns gobernantes que defendan Bergondo por riba de todo e reclamen ao Estado máis recursos para reducir prazos, 34 meses para a obra prevista son excesivos".
“É un prazo excesivo para unha actuación como esta” recrimina o deputado, e isto débese a que o Ministerio “os medios humanos e materiais cos que se contan son escasos”. Para Néstor Rego, resulta evidente que, de seren maiores os recursos destinados, “poderíase rebaixar considerabelmente o que permitiría solucionar de maneira máis áxil o importante problema de seguranza viaria deste punto e evitar as molestias para as persoas usuarias que poidan ocasionar as obras”.
O Ministerio de Transportes, en palabras do deputado do BNG, debe comprometerse para “rebaixar o prazo de execución para facer realidade canto antes” a mellora da seguranza viaria neste punto negro. Estamos a falar dunha zona, a de Guísamo, onde se estima que transcorren a redor de 25.000 vehículos ao día, posto que é unha vía principal para millares de persoas usuarias en desprazamentos ás cidades da Coruña ou Ferrol.