O BNG trasladou ao Pleno as queixas da veciñanza pola falta de fibra óptica nalgunhas zonas do concello
"O Goberno Local de PSOE-AV non ten plan de desenvolvemento dun servizo como a fibra óptica, que a estas alturas, nun concello como o noso, consideramos de primeira necesidade"
O BNG instou tamén o Goberno Local a convocar o consello de relacións veciñais o antes posíbel
Bergondo, 14 de febreiro de 2023.- O portavoz do BNG e candidato á alcaldía, David Carro, trasladou ao Pleno as queixas da veciñanza pola falta de fibra óptica nalgunhas zonas do concello. O nacionalista preguntou acerca da colaboración entre o concello e unha empresa referente ao desenvolvemento da fibra óptica, que segundo a veciñanza, non está a resolver este problema.
"Recibimos as queixas da veciñanza sobre a larga espera que había que facer para falar co representante da empresa. Ademais, o único que constataron os veciños e veciñas é que simplemente valía para unha mera toma de datos comerciais, o que provocou a indignación das persoas que perderon do seu tempo para acudir" expuxo Carro.
"O Goberno Local de PSOE-AV non ten plan de desenvolvemento dun servizo como a fibra óptica, que a estas alturas, nun concello como o noso, consideramos de primeira necesidade", indicou o nacionalista
Convocatoria do consello de relacións veciñais
O BNG instou ao Goberno Local a convocar o consello de relacións veciñais o antes posíbel. "A participación veciñal debe ser fomentada polo concello. Debe ser unha das máximas de calquera goberno”, indicou o portavoz. Por iso instamos a convocar o consello de relacións veciñais, para escoitar as demandas e necesidades das asociacións de diferentes tipos do noso municipio”, indicou o portavoz e candidato á alcaldía do BNG, David Carro.
O consello de relacións veciñais tiña que terse reunido xa, antes do remate de 2022, e non foi convocado até o de agora.