O BNG trasladará os problemas nas frecuencias e horarios de bus de novo ao Parlamento
“A pasada semana chegaron a quedar estudantes menores de idade nas paradas por falta de prazas nos buses, sen que se lles dese ningún tipo de solución”
Mercedes Queixas anunciou que o BNG rexistrara unha nova iniciativa no Parlamento específica para os problemas de mobilidade no concello de Bergondo
Bergondo, 23 de setembro de 2022.- O BNG trasladará os problemas nas frecuencias e horarios de bus de novo ao Parlamento. No encontro veciñal que celebraron onte pola tarde no local social de Guísamo coa deputada Mercedes Queixas e o voceiro do BNG de Bergondo David Carro, anunciaron novas iniciativas no Parlamento e que a vindeira semana se debaterá de novo no Pleno do Parlamento sobre a situación do transporte público desde a entrada en vigor do Plan de Transporte da Xunta.
Desde o BNG explicaron que a situación de falta de frecuencias, horarios e información se viu agravada có inicio do curso escolar, sobre todo nos horarios de desprazamentos aos institutos e campus universitarios. “Desde o ano pasado o estudantado de Bergondo está tendo problemas para desprazarse aos institutos a Betanzos, porque os buses chegan cando as aulas xa empezaron, obrigando aos pais e nais e organizarse para poder levalos”, informou o portavoz do BNG, David Carro. “Esta situación é coñecida pola empresa concesionaria, Monbus, e pola Xunta despois das múltiples queixas dos pais e nais”, engadiu.
“A pasada semana chegaron a quedar estudantes menores de idade nas paradas por falta de prazas nos buses, sen que se lles dese ningún tipo de solución”, engadiu o portavoz do BNG. “Os pequenos parches que anuncia a Consellería non solucionan un problema que levamos anos denunciando tanto en Bergondo, como noutros concellos da comarca como Miño, Betanzos ou Paderne”, indicou Carro.
A deputada do BNG, Mercedes Queixas, explicou que desde o BNG rexistrarán unha nova iniciativa no Parlamento Galego, neste caso específica para os problemas de mobilidade no concello de Bergondo, tanto na liña A Coruña – Ferrol como noutras liñas que atravesan Bergondo dirección Betanzos, como a procedente de Ourense, e nas que se repiten as queixas das persoas usuarias. Queixas lembrou tamén que a vindeira semana se debaterá de novo no pleno do Parlamento sobre a situación do transporte público e do caótico funcionamento do servizo, concesionado nun 80% á empresa Monbus.
“A maneira de conseguir solucións é non unicamente pequenos parches é a presión social, animamos á veciñanza a reclamar e deixar constancia por escrito e a organizarse para esixir que non se tolere que con cartos públicos se permita á empresa concesionaria seguir incumprindo o contrato”, concluíu Queixas.