O BNG anunciou novas accións para esixir melloras no servizo de autobús na liña A Coruña – Ferrol
Pediron que se cumpran as condicións da actual concesión e se rectifiquen os horarios e as frecuencias recortadas e que se reforce o servizo segundo a súa alta demanda
O deputado nacionalista animou á veciñanza afectada a mobilizarse para esixir o dereito a un transporte público de calidade e anunciou que apoiará esta tarde a concentración convocada polo concello de Miño para demandar melloras nesta mesma liña de transporte
Bergondo, 20 de xullo de 2022.- O BNG anunciou novas accións para esixir melloras no servizo de autobús na liña A Coruña – Ferrol, que afecta a Bergondo. O deputado do BNG, Paulo Ríos, visitou onte Bergondo cos portavoces do BNG en Bergondo, David Carro, Betanzos, Amelia Sánchez, Miño, Alberte G. Nicolás e Paderne, Manel Pérez – concellos das Mariñas afectados polos problemas desta liña- e a responsábel comarcal, Cristina López. Os nacionalistas celebraron un encontro con persoas afectadas polos pola supresión de frecuencias e polos mal funcionamento deste servizo.
Desde o BNG lembran que desde primeiros de ano que se produciu o cambio de concesión nesta liña de Arriva a Monbús o servizo acumula novas queixas pola supresión de frecuencias e o seu mal funcionamento. “Trasladamos as queixas da veciñanza afectada varias veces ao Pleno municipal desde hai máis de un ano, apoiando as demandas de melloras nas frecuencias”, explicou o portavoz do BNG, David Carro.
“As queixas sobre este servizo son continúas en todos os concellos polos que pasa a liña A Coruña – Ferrol, tanto pola redución de frecuencias como pola falta de información que imposibilitan na práctica o uso do transporte público”, engadiu Carro. O BNG anunciou novas accións sociais en apoio ás demandas das persoas usuarias deste servizo. “Ademais o cambio de liñas que ían pola estrada facendo paradas nos concellos intermedios por outras que van directos pola autoestrada, ou ben desde Ferrol ou ben pola estrada até Betanzos e logo pola autoestrada á Coruña, está provocando moitos problemas de mobilidade para a veciñanza de Guísamo ou o Espiritu Santo”.
Desde o BNG lembraron que teñen presentadas varias iniciativas no Parlamento para solicitar que se repoñan as frecuencias suprimidas na liña A Coruña-Ferrol desde o pasado mes de febreiro, a través do deputado Paulo Ríos. “O que pedimos é, primeiro, que se cumpran as condicións da actual concesión e se rectifiquen os horarios e as frecuencias recortadas e, en segundo lugar, que se reforce o servizo segundo a súa alta demanda”, explicou o deputado do BNG. O deputado nacionalista animou á veciñanza afectada a mobilizarse para esixir o dereito a un transporte público de calidade.
Apoio á concentración diante do concello de Miño
O BNG apoiará esta tarde a concentración convocada polo concello de Miño para demandar melloras nesta mesma liña de transporte. Á concentración acudirá a deputada do BNG, Mercedes Queixas e o portavoz do BNG de Miño, Alberte G. Nicolás, que fixeron un chamamento a apoiar estas mobilizacións para esixir á Xunta melloras neste servizo.