O BNG pediu no Pleno bonificacións de taxas para a instalación de placas solares
Pedimos ao Goberno Local a fomentar este tipo de enerxía limpa, verde, mediante a bonificación de taxas, porque tamén dende o ámbito local podemos facer cousas para paliar os efectos da crise enerxética na que estamos inmersos
Bergondo, 1 de agosto de 2022.- O BNG propuxo no último pleno que o Concello faga unha porcentaxe de bonificación das taxas correspondentes as obras necesarias para a instalación de placas solares. “A instalación de placas solares estase incrementando no último ano chegando a aumentar un 32% en Galiza só neste ano. A nosa provincia é a segunda con máis instalacións deste tipo”, explicou o portavoz do BNG, David Carro.
"Debido ás subidas no prezo da luz nos últimos tempos e a previsión de que se manteña, moita xente esta optando por formulas de abastecemento alternativo, como por exemplo a enerxía solar”, engadiu o portavoz nacionalista. “Por iso instamos ao Goberno Local a fomentar este tipo de enerxía limpa, verde, mediante a bonificación de taxas, porque tamén dende o ámbito local podemos facer cousas para paliar os efectos da crise enerxética na que estamos inmersos", indicou Carro.