O BNG instou ao Goberno Local a solicitar a axuda da Xunta para o soterramento das liñas de alta tensión no Mosteiro de Bergondo
Pedimos ao Goberno Local que mova ficha e que non quede impasíbel, para conseguir mellorar o entorno dun BIC da importancia do Mosteiro de Bergondo. Xunta e Concello deben poñer todo da súa parte para coidar do noso Patrimonio e que non esmoreza
Bergondo, 15 de xuño de 2022.- No último Pleno, o BNG instou ao Goberno Local a solicitar a axuda da Xunta de Galiza para o soterramento das liñas de alta tensión que afean o entorno máis próximo ao Mosteiro de Bergondo. "A directora xeral de planificación enerxética deixou a porta aberta a colaborar co concello se este o pedía formalmente, logo dunha iniciativa neste sentido defendida pola deputada nacionalista, Mercedes Queixas, na comisión de cultura do Parlamento", indicou o portavoz municipal do BNG David Carro.
"Por iso, instamos ao Goberno Local a mover ficha e non quedar impasíbel, para conseguir mellorar o entorno dun BIC da importancia do Mosteiro de Bergondo. Xunta e Concello deben poñer todo da súa parte para coidar do noso Patrimonio e que non esmoreza", expuxo Carro.
Dende o BNG tamén recordaron a moción aprobada por unanimidade polo pleno municipal nesta mesma liña que deu lugar a que Naturgy esixira que o concello asumise o gasto de redacción do proxecto para soterrar esta liña. “A empresa pediu ao concello 5000 euros polos gastos do estudo e, como o concello non ten medios propios que o poidan elaborar pedimos no Pleno que o concello solicite á Xunta a súa colaboración para avanzar no soterramento desta liña que ten un enorme impacto sobre este ben patrimonial”, concluíu o portavoz nacionalista.