O BNG leva ao Parlamento uns recheos en Armuño en solo rústico
"Non é de recibo ter a veciñanza en vilo máis dun ano, sen saber nada, e sen que se restablecese o estado orixinal da parcela"
Bergondo, 7 de xuño de 2022.- A deputada do BNG, Mercedes Queixas, interesouse polo estado no que se atopa o expediente aberto polos recheos realizados en Armuño, na parroquia de Lubre, que non se adecuaban a licenza. “Estes recheos crearon un talude de máis de 15 metros. A Axencia pola Protección da Legalidade Urbanística (APLU) paralizou estes recheos hai máis dun ano porque se trata de solo rústico”, explicou Queixas.
“Que resposta deu a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística a esta actuación?", preguntou Queixas, quen tamén incide en coñecer as medidas tomadas dende a Xunta contra os responsábeis da obra, así como o requirimento da retirada do recheo e a volta da parcela ao seu estado orixinal. "Non é de recibo ter a veciñanza en vilo máis dun ano, sen saber nada, e sen que se restablecese o estado orixinal da parcela", engadiu a deputada nacionalista.
"Este recheo causou gran alarma entre a veciñanza pola orografía da zona. Se se producen choivas fortes pode afectar a todo o núcleo, como xa lle sucedeu a vivenda colindate en varias ocasións, ademais de condicionar a circulación pola principal vía de comunicación do lugar, a estrada DP-0811", expuxo o portavoz municipal, David Carro. "Hai quen esta empeñado en converter Lubre nun vertedoiro e non o imos permitir" concluíu Carro.
Alegacións ao Plan Especial de Reforma Interior de Obra de Paño
O BNG tamén anunciou a presentación de alegacións ao Plan Especial de Reforma Interior de Obra de Paño. "A xustificación de falta de solo industrial na comarca non é convincente cando hai polígonos medio baleiros en concellos como Betanzos ou Coirós, que nalgún mesmo ampliaron os seus usos para intentar captar novas empresas", indicou o portavoz do BNG David Carro.
"Ademais se realmente houbese que necesidade de máis solo industrial, dende o BNG apostamos pola ampliación do polígono industrial existente, para que as empresas poidan unirse e crear sinerxías entre elas, en lugar de espallar naves por todo o concello", concluíu Carro.