O BNG amosou a súa sorpresa diante da resposta de Unión Fenosa en relación co soterramento da liña de alta tensión que afecta ao mosteiro de Bergondo
Presentaremos unha iniciativa no Congreso por medio do noso deputado Néstor Rego para que o Estado se manifeste e busque unha solución a esta auténtica aberración
Bergondo, 10 de febreiro de 2022.- O BNG amosou a súa sorpresa diante da resposta de Unión Fenosa en relación co soterramento da liña de alta tensión que afecta ao mosteiro de Bergondo. A resposta que a empresa eléctrica trasladou ao concello, froito da moción aprobada por unanimidade no pleno a instancias dos nacionalistas, pide que o propio concello asuma o custo do proxecto para o soterramento da liña que valora en 5000 euros.
"Resulta indignante que unha empresa cuns beneficios anuais desorbitados non asuma o custo desta obra que suporían un gran beneficio para a veciñanza e acabaría con este feismo arquitectónico no entorno dun ben protexido e tan prezado como o Mosteiro de Bergondo", indicou o portavoz nacionalista David Carro. Desde o BNG, insistiron en que non é a administración con cartos públicos quen ten que asumir o custo do proxecto para preservar un ben protexido.
“O Mosteiro de Bergondo é un dos elementos patrimoniais e turísticos, máis importantes do noso concello e a comarca. Monumento histórico artístico nacional dende o ano 73, polo que conta coa máxima protección por iso pedimos ao goberno local que tome medidas encamiñadas a súa posta en valor como o soterramento das liñas de alta tensión que teñen un altísimo impacto visual na súa contorna", explicou o portavoz do BNG, David Carro.
"Presentaremos unha iniciativa no Congreso por medio do noso deputado Néstor Rego para que o Estado se manifeste e busque unha solución a esta auténtica aberración", concluíu Carro.