O BNG pediu que o mercado de horta de Guísamo se converta en quincenal
O grupo nacionalista pediu ao goberno local que abra o mercado á venda doutros artigos para diversificalo e facelo máis atractivo
O BNG propuxo tamén no último pleno que o concello organice un concurso de tapas, co fin de axudar a promocionar a hostalería local
Bergondo, 8 de febreiro de 2022.- No pasado pleno, o BNG instou ao Goberno Local a realizar modificacións no mercado de horta que se celebra en Guísamo e Bergondo os luns e venres. "Hai máis dun ano que este mercado conta con só un posto, evidentemente iso non é un mercado. En todo este tempo non se concretou a incorporación de novos postos polo que consideramos que hai que darlle unha volta ao formato", indicou o portavoz nacionalista, David Carro.
Dende o BNG propuxeron a conversión deste mercado de periodicidade semanal ou quincenal. "Se abrimos o mercado a incorporación de postos que comercialicen outros artigos, cun formato similar ás feiras ou feiróns, con esta diversificación o mercado pode ser máis atractivo, para que a xente acuda a facer as súas compras a vez que se dinamiza o entorno, neste caso Guísamo e Bergondo" expuxo Carro.
Propostas para dinamizar a hostalería local
O BNG propuxo tamén no último pleno que o concello organice un concurso de tapas, co fin de axudar a promocionar a hostalería local. "Propuxemos promocionar Bergondo e a súa hostalería mediante un concurso de tapas, que traia xente ao noso concello”, indicou o portavoz nacionalista. Na súa elaboración sería importante promover o uso de produtos pertencentes as empresas ou produtores da Reserva da Biosfera, creando así sinerxías entre diferentes sectores, e poñendo en valor a produción de proximidade, da localidade e a comarca" concluíu David Carro.