O BNG esixe a reapertura da Biblioteca pública municipal de Bergondo
O peche anunciado polo goberno será entre o día 1 e o 16 de xullo, en plena época de preparación da segunda quenda da ABAU
O BNG pediu ao goberno local que reabra de inmediato este servizo e se comprometa a contratar o persoal necesario para manter un servizo de biblioteca pública de calidade
Bergondo, 4 de xullo de 2021.- O BNG esixe a reapertura da Biblioteca pública municipal. "O Goberno Local ven de anunciar o peche da biblioteca pública durante 15 días, sen ningunha explicación. O peche anunciado polo goberno será entre o día 1 e o 16 de xullo, en plena época de preparación da segunda quenda da ABAU" expuxo o portavoz nacionalista David Carro.
"Estes peches temporais, que causa un prexuízo a veciñanza usuaria e son recorrentes dende hai tempo e en diferentes épocas. O goberno local demostra un desinterese absoluto por manter un servizo de calidade, negándose sistematicamente a contratar persoal para cubrir as vacacións ou baixas da bibliotecaria. A veciñanza ten dereito a un servizo de calidade sobre todo nos momentos nos que máis usuarios podería ter", indicou Carro.
Dende o BNG reclamaron ao Goberno Local que informe aos veciños e veciñas sobre as causas deste peche, que supoñemos se debe as vacacións da bibliotecaria, e porqué non contratan o persoal necesario para dar un servizo de calidade. “O goberno non pode seguir escudándose nas restricións á contratación de persoal como fixo anos anteriores, xa que agora é o propio PSOE que goberna Bergondo o que goberna o Estado e pode modificar esta lexislación en lugar de seguir escudándose na imposibilidade de contratar persoal para seguir deteriorando a calidade dos servizos públicos e promovendo as privatizacións”, concluíu Carro.
O BNG pediu ao goberno local que reabra de inmediato este servizo e se comprometa a contratar o persoal necesario para manter un servizo de biblioteca pública de calidade.