O BNG pide ao goberno que negocie coa empresa propietaria para soterrar as liñas de alta tensión que afectan ao Mosteiro de Bergondo
“O Mosteiro de Bergondo é un dos elementos patrimoniais e turísticos, máis importantes do noso concello e a comarca. Monumento histórico artístico nacional dende o ano 73, polo que conta coa máxima protección por iso pedimos ao goberno local que tome medidas encamiñadas a súa posta en valor"
Bergondo, 21 de setembro de 2021.- O BNG de Bergondo presentará unha moción para debater no Pleno que se celebrará a vindeira semana instando ao Goberno Local a abrir negociacións coa eléctrica propietaria das liñas de alta tensión para que soterre as liñas da contorna do Mosteiro de Bergondo.
“O Mosteiro de Bergondo é un dos elementos patrimoniais e turísticos, máis importantes do noso concello e a comarca. Monumento histórico artístico nacional dende o ano 73, polo que conta coa máxima protección por iso pedimos ao goberno local que tome medidas encamiñadas a súa posta en valor como o soterramento das liñas de alta tensión que teñen un altísimo impacto visual na súa contorna", explicou o portavoz do BNG, David Carro. "Outros concellos, como Ordes, conseguiron levar a cabo medidas deste tipo, polo que consideramos factíbel que en Bergondo tamén poidan ser unha realidade" indicou Carro.
Ademais, con esta medida poderíase cambiar a cualificación urbanística das parcelas afectadas co cal tamén suporía unha mellora para a veciñanza afectada. “As parcelas afectadas polas liñas de alta aéreas non permiten sobrepasar determinada altura con construcións ou arbores, sen embargo ao soterrarse si que se permitiría ademais de evitar o altísimo impacto visual que teñen”, engadiu o portavoz nacionalista.
"As eléctricas están tendo uns elevados beneficios ano tras ano e o investimento a realizar é perfectamente asumíbel para o que supón socialmente unha mellora como esta" concluíu Carro.