O BNG pide unha convocatoria extraordinaria das bolsas de transporte
“Cada ano estas bolsas convócanse nun prazo diferente de forma que as familias teñen moi complicado facer un seguimento dos prazo por iso pedimos tamén ao goberno que intente manter uns prazos fixos para a súa convocatoria, a poder ser antes de rematar o curso escolar para que os país e nais poidan ser informados nos centros educativos”
Bergondo, 13 de outubro de 2021.- O BNG reclama unha convocatoria extraordinaria das bolsas de transporte. “Recibimos numerosas queixas de familias que quedaron fora da convocatoria destas bolsas que foron convocadas a comezos de agosto con 15 días hábiles para presentarse”, explicou o portavoz do BNG David Carro. “Moitas familias quedaron fora por non ter información sobre a convocatoria, en plena temporada estival”, engadiu.
"Solicitamos ao Goberno Local unha convocatoria extraordinaria destas axudas e que se lles de para que chegue ao maior número de familias posíbel”, propuxo o voceiro nacionalista. “Cada ano estas bolsas convócanse nun prazo diferente de forma que as familias teñen moi complicado facer un seguimento dos prazo por iso pedimos tamén ao goberno que intente manter uns prazos fixos para a súa convocatoria, a poder ser antes de rematar o curso escolar para que os país e nais poidan ser informados nos centros educativos”, indicou Carro.
"O investimento en educación é a clave do noso futuro, por iso debemos poñer todos os medios posíbeis a disposición da mocidade do noso concello. Garantir que todas as persoas teñen as mesmas oportunidades de acceso ao ensino ten que ser unha prioridade, por iso desde o BNG pedimos que se amplíe a partida orzamentaria para as bolsas de transporte e que se faga unha nova convocatoria o antes posíbel”, concluíu o portavoz do BNG.