O BNG de Bergondo presentou propostas para o orzamento municipal 2022
"Entre as propostas do BNG inclúense reservar unha partida para adquirir terreos para construír equipamentos como un centro de día ou unha nova escola infantil, crédito para obras de mantemento no polígono industrial e para a construción dun local polivalente no Pedrido para servizo dos clubs deportivos ou un local social en Rois”
Bergondo, 8 de novembro de 2021.- O BNG de Bergondo presentou propostas para o orzamento municipal 2022. "Entre as propostas do BNG inclúense reservar unha partida para adquirir terreos para construír equipamentos como un centro de día ou unha nova escola infantil, crédito para obras de mantemento no polígono industrial e para a construción dun local polivalente no Pedrido para servizo dos clubs deportivos, como o de remo e outras asociacións da zona", indicou Carro. “A construción dun local social en Rois, a única parroquia do concellos que non conta con esta infraestrutura”, engadiu o portavoz do BNG
Desde o BNG piden ademais que se volvan a convocar axudas a PEMEs e autónomos que segue sufrindo as consecuencias da pandemia da covid. “Pensamos que é o momento de recuperar as actividades sociais, culturais e deportivas que se anularon pola pandemia, garantindo por suposto as medidas de seguridade necesarias e para isto débese reservar o crédito para reactivar estas actividades”, explicou David Carro. “Tamén propomos que se inclúan outras partidas partidas para obras máis pequenas, pero que, sen dúbida, redundaran en melloras na calidade de vida de veciñanza, como un plan de acondicionamento dos parques infantís, na recollida de pluviais en Montecelo e Armuño ou para pintar os locais sociais de Guísamo e Mariñán ", explicou o concelleiro nacionalista.
"Presentamos unha completa batería de propostas para os orzamentos do 2022, a pesar de que o goberno local non pide nunca propostas dos outros grupos políticos no BNG enviamos estas achegas como parte do nosos proxecto para Bergondo", concluíu o portavoz nacionalista David Carro.