O BNG esixiu no pleno melloras en Guísamo
O BNG trasladou ao goberno local a necesidade da limpeza e reparación da praza pública ou o amaño do aparcamento do centro de saúde e o alumeado da pista deportiva de Guísamo
Bergondo, 2 de decembro de 2021.- O BNG esixiu ao Goberno Local no pleno melloras en Guísamo. “A veciñanza trasladounos a necesidade da limpeza e reparación da praza pública ou o amaño do aparcamento do centro de saúde que xa temos trasladado a Pleno”, explicou o portavoz do BNG, David Carro.
"Xa hai tempo que solicitamos o amaño do aparcamento do centro de saúde de Guísamo sen que se tomara medida ningunha. O firme presenta desniveis e está perigoso, máis tendo en conta que acoden persoas con mobilidade reducida, e xa se produciron caídas. A seguridade da veciñanza é primordial, por iso volvemos a incidir na necesidade desta obra, consecuencia da deixadez do mantemento do goberno local" indicou o portavoz nacionalista.
"Ademais, instamos á limpeza da praza, principal espazo público de Guísamo, en pleno centro e que presenta un estado de total abandono" expuxo Carro. "Tamén solicitamos que se revise o alumeado da pista polideportiva, xa que os rapaces e rapazas que acoden a practicar deporte teñen que facelo ás escuras".