O BNG propón no Pleno a incorporación de Bergondo ao programa "Xantar na casa"
“A incorporación a este servizo pensamos que suporía unha importante mellora dos servizos sociais nun concello cunha alta porcentaxe de poboación maior”
Bergondo, 21 de xaneiro de 2022.- O BNG proporá ao Pleno a incorporación de Bergondo ao programa "Xantar na casa". “A incorporación a este servizo pensamos que suporía unha importante mellora dos servizos sociais nun concello cunha alta porcentaxe de poboación maior”, explicou o portavoz do BNG David Carro, "este programa contribúe a manter as persoas maiores ou dependentes no seu entorno, algo moi importante para elas, engadiu.
"A través desta adhesión, as persoas beneficiarias reciben na súa casa a comida elaborada, unicamente teñen que quentala no microondas, co que tamén axuda a previr situacións de risco a hora da elaboración", expuxo Carro. "Ademais, serve para liberar de funcións ou complementar ao persoal do SAF e que este poida dedicarse a outras funcións", concluíu o voceiro nacionalista.
"Xantar na casa", creado en 2008, prestase actualmente en 180 concellos galegos, e a un terzo dos da provincia da Coruña.