O BNG pedirá que o Pleno de Bergondo se posicione en contra do peche da oficina do banco Santander en Guísamo
Vimos de coñecer que a oficina do Banco Santander de Guísamo vai ser pechada neste mesmo mes de abril, provocando un grave prexuízo as veciñas e veciños do noso concello, que van ter que desprazarse para poder xestionar os seus aforros ou cumprir as súas obrigas tributarias, entre outros aspectos
Desde o BNG, piden que o Pleno apoie ás xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores da banca en defensa dos postos de traballo e do mantemento dos servizos financeiros básicos no territorio galego e que inste á Xunta de Galiza a desenvolver, no seu ámbito de competencia, as actuacións necesarias para evitar a deslocalización de servizos e a perda de postos de traballo no sector da banca
Bergondo, 22 de marzo de 2021. O BNG trasladará ao Pleno de Bergondo unha moción para que o concello se posicione en contra do peche da oficina do banco Santander en Guísamo. “Vimos de coñecer que a oficina do Banco Santander de Guísamo vai ser pechada neste mesmo mes de abril, concentrando cinco oficinas bancarias que había no noso concello nunha soa” explicou o voceiro do BNG, David Carro. “Con este peche provocarase un grave prexuízo as veciñas e veciños do noso concello, que van ter que desprazarse para poder xestionar os seus aforros ou cumprir as súas obrigas tributarias, entre outros aspectos” destacou. “O peche forzará a facer máis desprazamentos á veciñanza ou a facerse dependentes de outras persoas para facelo de xeito dixital, se dispoñen dese recurso”, explicou David Carro.
“O proceso de concentración e centralización bancaria, que conlevou a perda progresiva de entidades como Caixa Galicia, Banco Pastor ou Banco Gallego, tivo efectos moi negativos no noso País”, engadiu Carro. “Esta situación vese agravada con novos procesos en curso, como o ERE no Banco Santander, que xa está provocando destrución de emprego, redución do número de oficinas -polas duplicidades- e marxinación, sobre todo do rural, e dificultades de acceso ao crédito para as pequenas e medianas empresas como está sucedendo no noso concello”, indicou.
“No ano 2017, cando o Banco Santander comprou por 1 euro os Bancos Popular e Pastor, había en Galiza 415 oficinas: 207 do Pastor; 171 do Banco Santander e 37 do Banco Popular. Cos procesos de fusión, en novembro de 2020 só quedaban 234 oficinas: 102 na Coruña; 30 en Lugo; 27 en Ourense e 75 en Pontevedra. No que atinxe ao emprego, o cadro de persoal do Grupo Santander en Galiza era de 2.110 traballadores en 2018, ficando reducido na actualidade a 1.776 persoas”, informou o portavoz nacionalista. “Esta situación vaise agravar coa redución de persoal acordada no Expediente de Regulación de Emprego asinado en decembro de 2020. En Galiza este ERE suporá a perda de 370 empregos e o previsible peche de 79 oficinas máis”.
“As consecuencias deste proceso son, como estamos vendo, a exclusión ou maior dificultade de acceso de sectores da nosa veciñanza a servizos financeiros básicos, derivadas do peche de oficinas cun impacto singular en concellos rurais, a migración aos servizos dixitais , agravando as consecuencias da fenda dixital, cun impacto singular nas persoas maiores e o empeoramento da calidade do servizo”, engadiu David Carro.
Por iso, desde o BNG, piden que o Pleno apoie ás xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores da banca en defensa dos postos de traballo e do mantemento dos servizos financeiros básicos no territorio galego e que inste á Xunta de Galiza a desenvolver, no seu ámbito de competencia, as actuacións necesarias para evitar a deslocalización de servizos e a perda de postos de traballo no sector da banca.
Peche de oficinas bancarias en Betanzos e Oza-Cesuras
Desde o BNG advertiron tamén do peche da oficina do Banco Santander en Betanzos, que xa está pechada “provisionalmente” como consecuencia do covid pero que está incluída dentro do ERE que se ven de aprobar. Anunciaron que trasladarán a situación ao Pleno do concello de Betanzos.