BNG consegue o compromiso para a mellora da seguridade viaria da estrada AC-164 ao seu paso por Fiobre

Mercedes Queixas cualificou de compromiso “cativeiro” e exixiu algún tipo de medidas ata que se adopten as mellores na estrada

BNG consegue o compromiso para a mellora da seguridade viaria da estrada AC-164 ao seu paso por Fiobre

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2024. A deputada coruñesa do Bloque Nacionalista Galego, Mercedes Queixas, defendeu na Comisión 2.ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, a necesidade de adoptar as medidas precisas para mellorar a seguridade viaria na estrada AC-164 ao seu paso por Fiobre en Bergondo.

Mercedes Queixas arrincou o compromiso ao Director da Axencia Galega de Infraestruturas de que se vai proceder antes de final de ano con esa tramitación de licitación para as primeiras obras de intervención para a mellora da seguridade viaria nesta estrada. “Quedo con ese compromiso” sinalou.

A deputada cualificou o compromiso de “cativeiro” e pediu medidas concretas ata que se desenvolva estas melloras. “Non lle pode vostede dicir que teñen que seguirse conformándose até o 2027”. Queixas salientou que a veciñanza de Fiobre “non pode seguir xogándose a vida varias veces ao día para atravesar a AC-164”. Aínda que o proceso vai ser longo, criticou que a Xunta non dea ningunha solución máis até o 2027 e que as veciñas e veciños “non van ter garantida a súa vida a hora de poñer un pé fóra da súa casa ou ir ao polideportivo ou ir ao parque infantil”.

Por outra banda, antes de entrar en Fiobre, hai un sinal que indica o limite de velocidade a 90 km por hora. Este sinal está xusto a 380 metros do sinal que indica a entrada non núcleo de poboación de Fiobre. “Xusto antes deste sinal que dá acceso houbo un sinal de limitación de velocidade de 60 km por hora” salientou Queixas. En 2021, a estrada AC-164 viuse golpeada por un accidente mortal, ao baixar unha nena dun autobús escolar nunha parada escolar.

Despois deste acontecemento, retirouse por parte da Consellería este sinal limitador de 60 km por hora e non se volveu repoñer ningún, “de maneira que para os condutores e condutoras que transitan por esta estrada é o sinal que hai a 380 metros antes de 90 km por hora”. Queixas criticou que non houbo “ningún tipo de intervención para rebaixar esta velocidade” e cuestionou que dende a Xunta “non están sendo conscientes da inseguridade viaria” que vive a veciñanza que está nas dúas marxes da AC-164 no lugar de Fiobre.

BNG consegue o compromiso para a mellora da seguridade viaria da estrada AC-164 ao seu paso por Fiobre